Máis dun milleiro de alumnos dos diferentes centros de ensino do concello de Pontevedra van dedicar o mes de novembro e tamén o de decembro a aprender sobre compostaxe.
Persoal de divulgación ambiental contratado pola Deputación ao abeiro do Plan Revitaliza está a celebrar estas semanas charlas informativas, obradoiros, xogos, exposicións e postas en marcha de composteiros en colexios do centro urbano como o Manuel Vidal Portela, Froebel, Xunqueira 1 e Xunqueira 2 e Campolongo, e tamén das parroquias de Campañó, Xeve e Verducido.
A intención de todas estas actividades é que os pequenos coñezan de primeira man que o lixo orgánico –restos de comida e vexetais- pode converterse nun recurso, o compost, en composteiros comunitarios ou individuais.
A Deputación -coa colaboración do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA)- pretende concienciar ao alumnado na importancia de reciclar e aproveitar os biorresiduos para que a xestión do lixo sexa ambientalmente máis sostible e tamén máis económica.
Este mércores o persoal de divulgación do CEIDA estivo coa rapazada do CEIP Manuel Vidal Portela, onde houbo charlas, xogos e obradoiros que continuarán toda a semana en diferentes grupos e cursos. Tamén está previsto celebrar charlas formativas destinadas a profesorados e membros das ANPA.