A complicada tarefa de atopar boliñas entre a area e retiralas unha a unha; e a axuda que pode supoñer un dron

Sanxenxo
10 de xaneiro 2024

As concellerías de Seguridade Cidadá e Servizos de Sanxenxo puxeron en marcha o dispositivo de limpeza o martes e este mércores desprazáronse polas tres praias nas que había constancia de vertedura, Silgar, Areas e Canelas, e tamén en Montalvo. Atoparon "moi pequena cantidade" e algunha peza igual, pero de cor escura

Recollida de pellets na praia de Silgar
Recollida de pellets na praia de Silgar / Mónica Patxot

A chegada de granulados, ou 'pellets', ás praias de Sanxenxo activou un operativo no que o persoal municipal se afana por limpar os areais, pero a tarefa preséntase complexa e case titánica, pois están chegando pequenas cantidades destes microplásticos de menos de 5 milímetros que se esconden entre os grans de areas e restos de cunchas. Atopalos e difícil e chegar a coller as boliñas unha a unha, aínda máis. 

As concellerías de Seguridade Cidadá e Servizos de Sanxenxo puxeron en marcha o dispositivo de limpeza na tarde do martes, nada máis aparecer os primeiros granulados, e durante a mañá deste mércores desprazáronse polas tres praias nas que había constancia de verquido, Silgar, Areas e Canelas, e tamén en Montalvo. 

Nas distintas praias, en grupos, despregáronse traballadores do servizo de praias e tamén persoal de Emerxencias de Sanxenxo. Vestidos con monos de traballo e equipados con luvas, vasoiras, recolledores e bolsas, foron percorrendo cada palmo dos areais.

O tamaño tan pequeno das boliñas obriga ao persoal a agacharse ao nivel do chan para atopalas e poñerse de xeonllos para lograr atrapalas. Moitas doses de paciencia son necesarias para ir recollendo cada unha desta pezas. 

Para axudar nestas tarefas, o persoal municipal conta co apoio da Policía Local e dun dron que, despois dunha pequena pasada de proba por Silgar, revisou as zona de costa de difícil acceso e os cantís para ver se detectan algún saco que chegue enteiro e poder interceptalo antes de que rompa, abra ou chegue á costa. 

Durante as tarefas realizadas en Silgar, os operarios atoparon este mércores unhas pequenas bólas de forma e tamaño idéntico aos 'pellets', pero de cor escura. De momento, descoñécese se tamén son microplásticos procedentes do contedor do Toconao ou teñen outra composición e orixe. 

Desde o Concello sinalan que a situación se mantén "estable" e avanzan xa que se manterá la vixilancia de todos os areais. 

De momento, segundo a información que facilitou o concelleiro Juan Deza, hai "moi pequena cantidade" e a previsión e manter os operarios municipais traballando. En función de como vaia evolucionando, poderanse despregar máis operarios. 

O Concello abriu unha listaxe para que se anoten persoas voluntarias que queiran limpar as praias. Na mañá deste mércores xa había oito persoas voluntarias rexistradas

Coas tarefas de limpeza, tamén se aproveita para retirar a gran cantidade de restos de plásticos que chegan á costa. 

Arquivado en