Este xoves 1 de xullo, os maxistrados da Audiencia Nacional volverán reunirse para analizar e debater sobre a prórroga de Ence para adoptar unha posición en relación cos recursos presentados polo Concello de Pontevedra e polas asociacións ecoloxistas Greenpeace e APDR, ante os que a Avogacía do Estado amosou a súa conformidade en marzo de 2019.
Segundo informaba a concelleira Carme da Silva, o Concello recibiu nos últimos días un comunicado da Audiencia Nacional transmitindo este aprazamento na decisión. A primeira reunión celebrábase o 22 de xuño pero debido á "complexidade" do asunto foi necesario realizar esta segunda convocatoria, segundo indicou a representante municipal.
Ata este mércores non trascendera ningunha información en relación con ese primeiro encontro entre os membros da sala da Audiencia Nacional encargada de deliberar sobre estes recursos. E segundo avanzaba Carme da Silva, a sociedade pontevedresa deberá esperar uns "días máis" para coñecer o resultado desta sentenza, despois da nova convocatoria para este xoves.
Se a prórroga é considerada ilegal e dan a razón ás partes que recorren, o límite da fábrica pasteira na ría de Pontevedra atoparase no ano 2033. No caso de que considere que a decisión do goberno de Mariano Rajoy adoptada en 2016 cando se atopaba en funcións permitindo unha prórroga ata 2073, a factoría poderá continuar ata esa data na súa actual localización.
Unha das asociacións que presentou o recurso, a Asociación pola Defensa da Ría, mantén a súa habitual marcha contra Ence reclamando o peche inmediato para este domingo 4 de xullo, a partir das 12.00 horas, con saídas desde as alamedas de Pontevedra e Marín para concentrarse diante da fachada da fábrica.
COMITÉ DE EMPRESA DE ENCE
Desde o comité de empresa da fábrica indican que nas últimas horas recibiron a comunicación dos seus avogados indicando que, en efecto, a deliberación continuará este 1 de xullo obrigando a prolongar a espera da resolución final.
O comité que preside Antonio Lafuente afirma que no caso de que a sentenza sexa favorable á legalidade da prórroga reclamarán á empresa "con máis forza que nunca" a realización dos investimentos precisos para garantir a competitividade da factoría e o futuro dos postos de traballo.
No caso de que a sentenza sexa contraria, indican que a mesa de traballo promovida polo Ministerio de Transición Ecolóxica entre todas as partes será unha ferramenta "transcendental e imprescindible" para alcanzar a viabilidade e garantir o futuro laboral. Afirman que impulsarán con todos os seus medios a potenciación desa mesa de traballo e un calendario de reunións que garanta progresos.
O comité mostra o seu pesar ao entender que "non se están dando os pasos esperados" atendendo ás declaracións do delegado do Goberno realizadas o 23 de xuño nas que manifestaba que houbo encontros entre a empresa e o Goberno para buscar alternativas sen grandes avances. Reclaman unha nova reunión que conte coa participación da parte traballadora para buscar solucións á continuidade dos postos de traballo