O Concello de Marín dispoñerá de máis dun mes para gozar do entroido deste ano. O programa elaborado para esta ocasión comezará o 1 de febreiro cunha exposición fotográfica sobre o Entroido no Ateneo Santa Cecilia e concluirá o 6 de marzo co entroido en San Xulián, organizado por Os da Caña.
Precisamente a comparsa Os da Caña, será a encargada da lectura do pregón o domingo 7 de febreiro. Estarán acompañados da corporación, a agrupación Os Jalácticos e de Don Diego e Doa Urraca. Comezará ás 13.15 horas no palco da música. Ese mesmo día ás 10.30 h sairá unha ciclomarcha e pola tarde ás 17.00 h sairá o desfile de disfraces e carrozas, ao seu remate farase a entrega de premio na Praza do Reloxo. Desde o Concello avánzase que se a choiva impedise a súa celebración, o desfile pospoñeríase ata o mércores 10.
Antes dese domingo de entroido, o 5 de febreiro ofrecerase unha conferencia sobre gastronomía de entroido no Ateneo a partir das oito da tarde. Os máis pequenos tamén contan con varias ocasións para gozar destas datas de entroido.
O sábado 6 será o desfile infantil que sairá ás 16.30h desde a Alameda. O luns 8, festa do merengue na Lameiriña; comezará ao mediodía e as 16.45 horas haberá festa infantil con verbena. Outra das convocatorias para a xente miúda será o martes 9 coa festa infantil "Concello de Marín" no Multiusos a partir das 17.00h; e desde as 19.00 horas, chocolatada. Para completar as degustacións da xornada o Ateneo Santa Cecilia comezará ás 20.00 horas co concurso de orellas e filloas.
O mércores 10, o centro urbano marinense vestirase de loito para enterrar a sardiña a partir das 20.00 horas, o seu velorio estará aberto desde as 17.00 horas no palco da música.
A substitución festiva tomarao a parroquia de Seixo, o sábado 13. O desfile organizado pola Asociación Cultural Ronsel sairá ás 17.00h desde as inmediacións da gasolineira e ás 18.00h na alameda comezará o baile de disfraces.
O domingo 14, na Alameda Rosalía de Castro, Bolo do poto, Urralas Ondas e outros xogos populares, organizado pola Asociación Fentos e Froumas e a Asociación de Santo Tomé de Piñeiro. Unha semana despois, o domingo 21, a partir das 17.00h entroido en Santomé. Pechando o programa, á mesma hora, sairá o entrodio en San Xulián.