A Comisión Europea abriu este xoves un procedemento de infracción contra España por prorrogar por terceira vez no ano 2000 a concesión da autoestrada de peaxe AP-9 á empresa Audasa sen facer unha licitación pública para iso.
A Comisión Europea decidiu enviar unha carta de emprazamento a España para garantir a correcta aplicación das normas da Unión Europea en materia de contratación pública e contratos de concesión.
Segundo o Dereito da Unión Europea, a prórroga dun contrato de concesión equivale a unha nova concesión, que só pode adxudicarse mediante licitación pública.
Por conseguinte, a Comisión considera que España incumpriu as obrigacións que lle incumben en virtude das normas de contratación pública da UE, en particular en virtude da Directiva 93/37/CEE.
España dispón agora de dous meses para responder as alegacións presentadas pola Comisión; de non facelo, a Comisión podería optar por enviar un ditame motivado a España.
A concesión de Audasa expirará en 2048.
REACCIONS
O BNG valora como unha oportunidade a resolución da Comisión Europea, ao entender que marca o camiño para acabar con esa ampliación e permitir a recuperación da autoestrada.
Entende que a comunicación do Goberno da UE tamén pon en entredito a legalidade das peaxes cobradas durante as sucesivas ampliacións realizadas tanto por gobernos do PP como do PSOE.
"A concesión non cumpre coa legalidade, é o que din as autoridades comunitarias e, polo tanto, hai que poñerlle fin", salienta a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tras subliñar que a comunicación de Bruxelas ao Estado español "pon o foco nesa estafa e a reacción do Goberno central debe ser poñer fin a concesión e acabar coas peaxes da AP9".
Pola súa banda o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, tamén sinalou que esta posible ilegalidade debe ser estudada, "xa que pode significar unha oportunidade para a recuperación da AP-9".
"As galegas continuamos pagando a irresponsabilidade do PP por entregar a infraestructura aos intereses privados, que se traduciu nunha anomalía dentro do conxunto de estradas do Estado polas peaxes abusivas e polos anos de bloqueo do PP", afirmou Gómez-Reino.