A Comisión Europea advirte á Xunta que aplica unha directiva equivocada e máis permisiva coas verteduras de Ence

Pontevedra
29 de novembro 2016

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda e os directivos da Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Antón Masa e Benito Andrade, trasladaron este martes en rolda de prensa a resposta da Comisión Europea na que advirte á Xunta de Galicia e ao Goberno central que están a aplicar unha directiva equivocada que é máis permisiva coas verteduras da empresa Ence á ría de Pontevedra

A eurodiputada do BNG, Ana Miranda
A eurodiputada do BNG, Ana Miranda / Mónica Patxot

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda e os directivos da Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Antón Masa e Benito Andrade, trasladaron este martes en rolda de prensa a resposta da Comisión Europea na que advirte á Xunta de Galicia e ao Goberno central que están a aplicar unha directiva equivocada que é máis permisiva coas verteduras da empresa Ence á ría de Pontevedra.

Trátase dun "varapau ao Estado español" que "abre a porta ás vías xudiciais", segundo valorou Ana Miranda. Ela foi a encargada de denunciar a situación ante o comisario europeo de Medio Ambiente, Karmenu Vella, por tanto ante o executivo comunitario.

En sucesivas ocasións e desde diversas instancias o BNG e colectivos como a APDR trasladaron o incumprimento desta directiva desde o ano 1999 por parte da Xunta e do Estado, "xa non só en Pontevedra, tamén na ría do Burgo e na de Vigo". 

Por mor da concesión da prórroga á empresa Ence para que continúe en Lourizán en terreos de propiedade pública ata o ano 2073, o BNG e a APDR insistiron nesta vía xa que "unha das causas da caducidade da concesión é que se supera o volume da demanda bioquímica de osíxeno nas augas residuais vertidas á ría".

Así a eurodeputada nacionalista preguntou ao comisario europeo de Medio Ambiente pola concesión da prórroga a Ence en base á aplicación desta directiva: "como pensa actuar a Comisión Europea ante esta corrupta e fatídica decisión que vai consolidar unha situación de incumprimento e que está en contradición coa lexislación europea de medioambiente?"

A "gran sorpresa" foi que en marzo de 2016 o comisario respondeu aclarando que as augas residuais da fábrica de pasta de papel ao verterse a través dunha instalación de tratamento de augas residuais urbanas, como é o emisario submarino, aplicaranse as condicións da directiva correspondente, que non é a que se está aplicando que é "entre 2 e 3 veces máis permisiva" e na que se ampara a concesión das últimas autorizacións ambientais integradas a ENCE, segundo explicou Antón Masa.

Defensa da Ría xa anuncia que acudirá aos tribunais correspondentes por este incumprimento

"A comisión é clara con este argumento", sinala Ana Miranda que cualifica a resposta como "un gran varapau que se lle está dando a todas estas eminencias da Xunta e do Goberno central que están a se amparar noutra directiva".

A eurodeputada do Bloque considera que a resposta do comisario europeo "déixanos unha vía aberta para que denunciemos xudicialmente", xa que a Comisión considera que os órganos administrativos ou xudiciais nacionais encargados da execución das directivas mencionadas "son os principais responsables de comprobar a situacións de incumprimento e os que dispoñen dos medios necesarios para resolver o problema se as preocupacións son xustificadas", di a resposta de Karmenu Vella reproducida na rolda de prensa.

"Estamos ante un incumprimento de dereito e un engano á cidadanía durante todos estes anos", insistiu Miranda. Agora o BNG dirixirá unha repregunta ao executivo comunitario solicitándolle á Comisión "cando se vai a dirixir ás autoridades españolas para que esixan este cumprimento?", co propósito de saber se vai actuar de oficio.

Defensa da Ría xa anuncia que acudirá aos tribunais correspondentes por este incumprimento.

Arquivado en