O voceiro do grupo municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira, desvelou este mércores o contido dun informe da Comisión Territorial de Patrimonio Histórico de Pontevedra da Xunta, no que informa desfavorablemente á autorización solicitada polo Concello de Pontevedra para a rehabilitación integral da rúa de Santa Clara.
O informe, que ainda non chegou oficialmente ao Concello de Pontevedra, aduce, segundo Jacobo Moreira, que a obra tende a uniformar a imaxe da cidade e contribúe á perda de súa identidade histórica, sen que se aprecie valor engadido para o monumento e implicando a perda dos pavimentos históricos, aos que recoñece valor patrimonial.
A resolución di que non respeta o enlousado orixinal, critica a indefinición do mobiliario urbano e outros elementos da reforma, cuestiona a conveniencia da actuación e ordena que se resolva a recollida de pluviais e drenaxe dos macizos de terra contra os muros da igrexa.
MÁXIMA COLABORACIÿN
Pola súa banda, o concelleiro de urbanismo, Antón Louro, anticipou a "máxima colaboración" con Patrimonio Cultural para sacar adiante as obras de Santa Clara.
O tenente de alcalde lamenta a "actitude oportunista e demagóxica" do portavoz do PP, e convocou de urxencia aos técnicos municipais e á empresa contratista a unha xuntanza que se celebrará o xoves, co fin de analizar a nova situación.
Louro lembrou que hai uns días esixía que o Concello arranxara a ponte de Ponte Sampaio "cando forma parte dunha estrada autonómica e está catalogado, e hoxe tócalle crear alarma cun informe preliminar que nin sequera foi notificado oficialmente ao Concello".
"HAI MARXE DE MANIOBRA"
Tamén compareceu ante os medios o concelleiro de Patrimonio, Luis Bará, que onte asistiu á reunión da Comisión Territorial de Patrimonio e restoulle importancia á decisión tomada "xa que son cuestións que se resolven facilmente".
"Eu entendo que hai marxe de manobra para chegar a unha solución sen que a obra quede paralizada", engadiu Bará que remitiu a concelleiro Antón Louro por ser a súa competencia.
A reforma da rúa de Santa Clara, cun orzamento de 676.199 euros, comezou a finais do pasado ano e están estruturadas nun Plan de Obra dividido en tres fases. A primeira, que abrangue ata o cruce da rúa de Álvaro Cunqueiro xa está concluída. O Plan prevé afrontar agora o segundo tramo, ata o aparcamento de Froiz, e, finalmente, a conexión coa rúa de Padre Amoedo. A totalidade da obra estaría concluída, se non hai atrasos, a principios do próximo verán.