A comandante médico María Dolores Muñoz, destinada na BRILAT, recibe o premio "Soldado Idoia Rodriguez"

Pontevedra
10 de marzo 2021

A ministra de Defensa, Margarita Robles, felicitou ás premiadas, os seus equipos e, as 15.700 mulleres que forman parte do exército, "porque todas ellas representan compromiso, coraje, valentía"

A comandante médico María Dolores Muñoz da Brilat, premio Soldado Idoia Rodríguez
A comandante médico María Dolores Muñoz da Brilat, premio Soldado Idoia Rodríguez / Iñaki Gómez/Ministerio de Defensa

A ministra de Defensa, Margarita Robles, presidiu este 8 de marzo a entrega dos premios 'Soldado Idoia Rodríguez, muller nas Forzas Armadas' da VII e VIII edición, correspondentes a 2020 e 2021, nun acto por videoconferencia, debido ás restricións pola covid-19, na sede do ministerio coincidindo co Día Internacional da Muller.

A comandante médico María Dolores Muñoz, destinada na BRILAT, recibiu o galardón que recoñece o labor de persoas e institucións que realizasen "actuacións relevantes ou exemplares para potenciar o papel da muller ou apoiar a igualdade de oportunidades e de xénero nas Forzas Armadas".

A ministra de Defensa empezou cunhas palabras de agradecemento aos pais da Cabo Idoia Rodríguez, Consuelo e Constantino, "por acompañarnos siempre y formar parte de la familia de las Fuerzas Armadas".

Tras felicitar a todos os membros das Forzas Armadas, polo seu "esfuerzo y entrega" neste "duro ano" coa pandemia e nas misións no exterior, detívose nas premiadas, os seus equipos e, as 15.700 mulleres que forman parte do exército, "porque todas ellas representan compromiso, coraje, valentía".

En palabras da ministra, "hoy, las Fuerzas Armadas constituyen un gran equipo, suman, y son el mejor ejemplo de que el valor de servir y el valor de la igualdad se complementan y se refuerzan".

Ao longo do acto tomaron a palabra as premiadas e mencionadas desde os seus destinos ou unidades, comezando coa comandante médico Dores Muñoz, que viviu en primeira persoa a morte de Idoia.

Segundo a comandante Muñoz, o premio "ten un significado moi especial para min, porque formabamos parte do mesmo equipo cando sufrimos o atentado que acabou coa súa vida", lembrou Muñoz acompañada polos pais de Idoia desde a sede da BRILAT, a cuxos compañeiros dedicou o premio.

A Comandante Muñoz foi distinguida co VII premio 2020 por ser "un referente para homes e mulleres froito do seu esmerada preparación e entrega, potenciando o liderado da muller nas Forzas Armadas e visibilizando o seu papel dentro e fóra da institución".

O premio foi creado en 2007 e entrégase en recordo da Cabo Idoia Rodríguez, destinada na BRILAT, primeira muller militar española que faleceu ese ano nunha misión internacional en Afganistán, Herat, pola explosión dunha mina baixo o blindado tipo BMR no que viaxaba.