Máis de 43.000 exemplares en PDF e preto de 350.000 imaxes. É a inxente cantidade de información que compón a colección dos boletíns oficiais da provincia que, desde a súa creación en 1834 ata a actualidade, xa están dispoñibles na súa versión dixital.
Todo este material histórico está reunido en AtoPO, o portal web que reúne os fondos documentais, bibliográficos, cartográficos e audiovisuais do Arquivo Provincial, o Museo de Pontevedra e moitos outras institucións municipais e entidades da provincia.
Esta colección permitirá aos interesados ter acceso a unha fonte de datos de elevada consulta e abondosa información para o coñecemento da realidade administrativa da provincia. Só faltan por subir un par de centos de números que se están a procurar para proceder a completar a colección na súa totalidade.
A colección ofrecida abarca a través dos PDF ata o ano 1999, xa que a partir do 1 de xaneiro do ano 2000 todos os exemplares xa podían ser consultados dixitalmente no propio portal do boletín da provincia.
Foi o servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico do Arquivo da Deputación o que levou a cabo o complexo proceso de recuperación de orixinais para para completar a ampla colección da que dispoñía a propia Deputación, tanto na biblioteca do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico coma no Museo de Pontevedra.
Para iso, foi preciso acudir a exemplares orixinais conservados en diversas institucións, especialmente do Arquivo Municipal de Vigo, que dispón dunha moi completa colección en papel; ao Arquivo municipal de Tui e á Biblioteca do Instituto Pai Sarmiento de Santiago, así como acceder a algúns exemplares microfilmados con anterioridade.
O nacemento do Boletín Oficial da Provincia enmárcase nun contexto histórico de transición do Antigo Réxime ao Estado Liberal.
Pouco antes do seu falecemento, o monarca Fernando VII estendeu unha orde na que se contiñan quince artigos que establecían os obxectivos, os contidos e as premisas ás que se debían axustar os impresores dos boletíns.
A comezos de 1836 o Boletín Oficial era o único xornal que se publicaba na provincia e, aínda que se descoñece o seu lugar de impresión, existe un documento asinado a día 16 de abril de 1836 que parece testemuñar que o boletín viu a luz por primeira vez en xuño de 1834.
Polo que respecta á periodicidade do boletín, esta configúrase en tres etapas diferentes, de 1834 a 1841, cando se publicaba de xeito semanal os días mércores e sábado; de 1842 a 1870, trisemanal os días luns, mércores e venres; e de 1871 en diante, diario excepto os domingos.