Axentes do Grupo Local Operativo da Policía Nacional da Comisaría de Marín realizaron unha investigación que permitiu imputar tres individuos por unha tentativa de roubo con forza nun establecemento hostaleiro do municipio.
A intervención iniciábase a través de axentes da Policía Local de Marín, que acudían a un establecemento despois de que un viandante os alertara da presenza de persoas sospeitosas. Os axentes identificaron os presuntos delincuentes e, de maneira coordinada coa Policía Nacional, iniciábase a investigación que finalizaba coa detención dos tres individuos como presuntos autores dun delito de roubo con forza que non chegaron a consumar ao ser sorprendidos "in fraganti".
Grazas á inspección ocular técnico-policial no lugar dos feitos e ao posterior achado de instrumentos que estas persoas tiñan ocultos nas proximidades para executar o roubo foron clave para que os axentes da Policía Nacional detivesen aos presuntos ladróns, que xa contan con antecedentes policiais previos pola comisión deste tipo de accións.
Unha vez detidos foron trasladados á Comisaría da Policía Nacional de Marín onde se realizaron as dilixencias policiais, que foron remitidas ao Xulgado de Instrución número dous en funcións de garda de Marín.
Poucos días despois destes feitos, dous destes individuos tamén foron detidos en Vigo por feitos similares.
A Policía Nacional lembra a importancia da colaboración cidadá para permitir a investigación e evitar a consumación do roubo no local hostaleiro de Marín.