Un ano máis, a cociña pontevedresa logra case a metade das estrelas Michelin concedidas a restaurantes de Galicia. Os cinco establecementos que contaban con este distintivo de calidade lograron renovar este recoñecemento.
Así, Javier Olleros (Culler de Pau, O Grove) e Pepe Solla (Casa Solla, Poio), aos que moitos vían alcanzando a súa segunda estrela, terán que esperar para subir un banzo máis.
En todo caso, repiten galardón xunto a Pepe Vieira (Camiño da Serpe, Poio), Yayo Daporta (Yayo Daporta, Cambados) e Rafa Centeno e Inés Abril (Maruja Limón, Vigo).
Galicia, en total, mantén as súas once estrelas Michelín, xa que o peche do restaurante Alborada, na Coruña, compénsase coa incorporación do restaurante A Tafona, que rexenta a cociñeira Lucía Freitas en Santiago.
A lista complétase con Árbore da Veira (A Coruña), As Garzas (Malpica), Retiro da Costiña (Santa Comba), Nova Restaurante (Ourense) e Casa Marcelo (Santiago).
As estrelas Michelin entregáronse nunha gala que, por vez primeira, celebrouse fóra de España. Os novos ocupantes do Olimpo culinario déronse cita en Lisboa.