A cociña pontevedresa, de premio en premio

Poio
25 de xaneiro 2023

A gastronomía pontevedresa está de parabéns. Vai de premio en premio. Así o está demostrando na feira Madrid Fusión, unha das máis importantes de todo o sector, que se está celebrando estes días na capital española

José Bértolo, premiado en Madrid Fusión
José Bértolo, premiado en Madrid Fusión / Madrid Fusión

A gastronomía pontevedresa está de parabéns. Vai de premio en premio. Así o está demostrando na feira Madrid Fusión, unha das máis importantes de todo o sector, que se está celebrando estes días na capital española.

Así, José Bértolo de Casa Solla proclamouse gañador do III Concurso de Cociña con Mojos que organizou o Cabildo de Tenerife nesta cita gastronómica co fin de mostrar as calidades da salsa máis identitaria e internacional da illa.

O mellor prato de todos os presentados ao concurso foi o cherne -un peixe típico canario parecido ao mero- con mollo de mar do cociñeiro pontevedrés, un dos colaboradores de Pepe Solla, que deixou sen palabras ao xurado profesional.

A este recoñecemento sumouse o Culler de Pau, o restaurante que dirixe o cociñeiro Javier Oleiros no Grove, que foi un dos finalistas da primeira edición do premio Madrid Fusión-Alimentos de España ao mellor pan de restaurante.

En concreto, no seu caso foi seleccionado polo bo trato que dá a este produto en sala. 

PEPE VIEIRA, UN DOS PREMIOS DE GASTRONOMÍA DE GALICIA

Outro cociñeiro pontevedrés, neste caso, Pepe Vieira será un dos profesionais da cociña galega que recibirá o 10 de febreiro en Lalín un dos Premios de Gastronomía de Galicia.

En concreto, foi galardoado co premio ao profesional que contribuíu á potenciación da cociña galega polo seu proxecto A última cociña do mundo, que busca recoñecer a cultura, gastronomía e tradición galegas a través dos seus pratos.