A CIG sae á rúa contra a reforma das pensións

Pontevedra
01 de febreiro 2023

Delegados sindicais da CIG concentráronse este mércores diante da Subdelegación do Goberno en Pontevedra e non descartan intensificar as mobilizacións de se confirmar a ampliación do período de cálculo aos 30 anos

Mobilización da CIG contra a reforma das pensións
Mobilización da CIG contra a reforma das pensións / PontevedraViva

A CIG celebrou este mércores en Pontevedra unha asemblea de delegados que rematou cunha mobilización contra a reforma das pensións que proxecta o Goberno. 

A convocatoria de Pontevedra forma parte dunha campaña lanzada no mes de decembro pola central sindical sob o lema "Dez mentiras sobre as pensións". 

O secretario comarcal da CIG, Marcos Conde non descarta intensificar as mobilizacións de se confirmar a ampliación do período de cálculo aos 30 anos que, segundo dixo, suporía un novo recorte das pensións de entre un 6 e un 8%.

Parello a isto, iniciouse tamén a recollida, nas empresas, de manifestos contra calquera reforma no sistema público de pensións que impoña aumentar os anos para o cálculo da pensión.

A CIG considera que aprobar esta reforma significaría "aumentar a caída progresiva das pensións", que xa suma un 25% desde a última que se impuxo en 2012, cando se ampliou a idade da xubilación de 65 a 67 anos e o aumento do período de cálculo dos 15 aos 25 anos.

A CIG denuncia que estas reformas, xunto as anteriores, que retrasan a idade de xubilación e manteñen a xubilación parcial nunhas "condicións discriminatorias e de difícil acceso" son "un atranco para a xeración de emprego".

Lembra que a reforma de xullo de 2021, tamén aprobada por acordo do diálogo social, desliga a suba das pensións do IPC real interanual acumulado, creando un novo indicador, o chamado IPC medio, "que non garante o poder adquisitivo dos salarios". 

A central nacionalista alerta de que a recente aprobación dos chamados Plans de emprego de Pensións "constitúe un perigo para o sistema público e solidario das pensións".

Segundo os datos ofrecidos pola CIG, a pensión media en Galicia é de 886,68 euros mensuais, 78,32 euros por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional; que a poboación con máis de 65 anos acada de media 29,6 anos cotizados e que a pensión media dunha galega é 375,6 euros menor que a pensión media dun galego, polo que as consecuencias desta reforma para as mulleres serán aínda peores.