A pesar da suspensión da folga xeral prevista para o vindeiro 19 de xuño a CIG continuará cunha intensa campaña de mobilizacións para esixir a derrogación de todas as reformas "antisociais e antiobreiras" que nos últimos anos "contribuíron ao saqueo da clase traballadora galega".
Así o decidiron durante a asemblea de delegados celebrada este xoves na biblioteca pública de Pontevedra para abordar a suspensión da folga e a convocatoria dunha xornada de mobilizacións para o 19 de xuño.
Logo da moción de censura que desaloxou da presidencia do Goberno do Estado a Mariano Rajoy a CIG desconvocou a folga aínda que a central di ser "consciente" de quen é o PSOE ao que sinalaron por seren "promotores e cómplices das novas formas de explotación que trouxeron as sucesivas reformas laborais", unha acusación que estenderon a CCOO e UGT.
Ao remate da asemblea os delegados saíron en manifestación ata o hospital Provincial en apoio da loita do persoal do transporte sanitario, que convocou varias xornadas de folga para reclamar un convenio digno.
A folga do persoal de ambulancias chega este xoves a súa cuarta xornada (o segundo día consecutivo neste mes de xuño) cun "seguimento maioritario", segundo a CIG, e con mobilizacións nas diferentes áreas sanitarias.
A folga, convocada pola CIG, terá continuidade o vindeiro mes de xullo e, de non producírense avances por parte da patronal, os paros continuarán no mes de setembro.