A CIG reclama na rúa pensións públicas, dignas e garantidas

Pontevedra
16 de xaneiro 2019

Previamente á concentración, o sindicato nacionalista mantivo unha asemblea para debater sobre a situación na que se atopa o sistema público de pensións e as perspectivas de futuro

Concentración de delegados sindicais da CIG na Peregrina reclamando pensións dignas
Concentración de delegados sindicais da CIG na Peregrina reclamando pensións dignas / Mónica Patxot

Representantes e delegados do sindicato CIG concentrábanse na praza da Peregrina durante o mediodía deste mércores para reivindicar pensións públicas, dignas e garantidas. 

Previamente a central nacionalista mantiña unha asemblea nos locais sindicais para debater sobre a situación na que se atopa o sistema público de pensións. Desde a CIG laméntase que as pensións galegas sexan as máis baixas do Estado e amosan a preocupación ante as perspectivas de futuro debido a que os traballadores contan cada vez con menos anos cotizados e cunha situación laboral inestable con contratos temporais e parciais.

Tamén o sindicato liderado por Marcos Conde critica que as pensións das mullleres sexan máis baixas que a media e a discriminación na xubilación parcial.

A CIG convocou o 26 de xaneiro actos de protesta para recuperar os dereitos da clase traballadora e fai un chamamento a participar ante os problemas que se seguen a detectar na sociedade galega que demanda empregos, salarios e pensións dignos.

Neste encontro de delegados sindicais tratouse o tema da folga de mulleres de 24 horas que a CIG convocou para a celebración do 8 de marzo, ademais dos actos previstos para o Día da Clase Obreira Galega, o 10 de marzo.