A CIG reclama máis medios no transporte sanitario urxente do 061 en Pontevedra-O Salnés

Pontevedra
19 de setembro 2023

Denuncia que os recursos case non se incrementaron en máis dunha década a pesar do aumento da poboación e do número de actuacións

Rolda de prensa da CIG
Rolda de prensa da CIG / CIG

A CIG reclamou este martes a dotación de máis medios no servizo de transporte sanitario urxente do 061 na área de Pontevedra - Salnés de cara o próximo concurso de adxudicación, previsto para o vindeiro mes de novembro. 

Dende a central sindical nacionalista denuncian que os recursos son practicamente os mesmos que hai unha década a pesar do incremento da poboación e do número de actuacións.

Representantes da CIG nas bases de Portonovo, Caldas, Vilagarcía e Cambados compareceron en rolda de prensa no local da central sindical en Vilagarcía para presentar un informe no que se evidencia a necesidade de dotar o servizo de maiores recursos cos que facer fronte ao aumento das emerxencias.

O documento sostén que "ou se incrementa o número de unidades e técnicos para prestar servizos ou seguirá a vivirse a situación de colapso e atraso na prestación do servizo derivada de ter que mobilizar recursos para atender lugares a unha hora de traxecto, o que implica unha demora nos tempos de atención".

Neste senso incídese en que para a maioría das bases do Salnés (Grove, Portonovo-Sanxenxo, Cambados e Caldas) o hospital de referencia é Pontevedra, o que provoca que importantes áreas queden descubertas cando as ambulancias teñen que desprazarse até a cidade. 

Os vehículos desta zona prestan tamén servizo en localidades das comarcas de Caldas e do Ulla. En consecuencia, na CIG teñen constatado que esta situación implica que se produzan atrasos no momento de acudir a unha urxencia vital, "o que en non poucas ocasións tivo consecuencias fatais que noutras circunstancias pode que non se tivesen producido". De feito, Xabier Aboi, responsable sindical da CIG,  sinalou que na comarca do Salnés fálase de até sete casos recentes con resultado de morte que puideron ter relación con esta circunstancia.

A CIG reclama para a área do Salnés que a ambulancia de Soporte Vital Básico (SVB) de Vilagarcía que presta servizo en xullo e agosto durante 12 horas sexa ampliada para todo o ano.

Que a SVA (Soporte Vital Avanzado) durante 24 horas con base no hospital do Salnés preste servizo os 12 meses do ano nesta base atendendo aos criterios técnico-asistenciais, co aumento da dotación para pasar dun técnico a dous, "igual que o resto de ambulancias do mesmo tipo no resto do territorio galego".

Dotar dunha ambulancia medicalizada na base Sanxenxo (Portonovo) durante o período estival, distinta da que ten a súa base no hospital do Salnés. Aumentar unha ambulancia SVB 12 horas durante os tres meses do período estival con base en Sanxenxo. 

En canto á área de Pontevedra solicitan a ampliación da ambulancia de Marín a 24 horas ao igual que se fixo noutras localidades galegas como Baiona ou Ponteareas (actualmente 16 horas a cargo do 061), "xa que corremos o risco de que no seguinte concurso a empresa que se faga cargo non asuma como mellora as 8 horas diarias a maiores".

Unha nova ambulancia SVB no base en Pontevedra durante como mínimo 12 horas diarias todo o ano para axudar a desconxestionar a área. E a ampliación da SVA sanitarizada, pasando de un a dous técnicos.