Máis de 75 delegados sindicais da CIG manifestábanse este martes ao mediodía desde A Ferrería ata a Subdelegación do Goberno onde se concentraban para reclamar emprego, salarios e pensións dignas.
Marcos Conde, secretario comarcal da central nacionalista, afirmaba que volveron trasladar as protestas á rúa ao comprobar que o PSOE non está a acometer as reformas prometidas cando asumiu o goberno do Estado.
O representante da CIG sinalou que a reforma da negociación colectiva quedou en nada e que mesmo a patronal "se atreve" a levar aos xulgados os convenios aprobados en Galicia porque contradin os acordos negociados en Madrid e culpou a CC.OO e a UXT de ser cómplices desta situación.
Tamén critican que o Fondo Monetario Internacional anuncie a posibilidade de aumentar o cómputo para as pensións e atrasar a idade de xubilación. "Incumpren o que prometeron", lamentábase Marcos Conde. Esixen que as pensións alcancen o 60% do salario medio e a revalorización do salario mínimo interprofesional.
O sindicato nacionalista denuncia a coincidencia de políticas laborais do PP e do PSOE precarizando as condicións da clase traballadora. Sinalaba que este ano foi "escandalosa" a conversión de traballadores de hostalería en fixos descontinuos. Conde insiste en acabar coa fenda salarial e que se teña en conta que as mulleres cobran un 30% menos que os homes e sofren unha maior precarización laboral. Ademais pide a ilegalización das subcontratas e a eliminación das ETT's.
Tamén tivo palabras de solidariedade cos traballadores Carlos Rivas e Serafín Rodríguez que están condenados a prisión por participar nun piquete e que se manteñen á espera dun indulto mentres o goberno indulta a "políticos corruptos e traficantes de droga".