Os representantes da central sindical CIG Saúde na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés expresaron o seu rexeitamento as medidas presentadas na Mesa Sectorial de Sanidade que teñen como obxectivo actuar sobre as consecuencias da situación de deterioro asistencial que se está a dar neste momento ao non poder garantir as presenzas de profesionais en determinados PACs.
Nunha rolda de prensa celebrada no salón de actos do Hospital Provincial, aseguraron que a Administración ten que asumir esta "crise sanitaria" e "tomar as medidas que permite o marco legal para situacións excepcionais", como a que se vive estes días nesta área sanitaria que "non é responsabilidade dos profesionais dos PACs nin do conxunto da Atención Primaria".
En todo caso, di CIG Saúde que estes profesionais "son vítimas dunha situación que eles non provocaron e que ten unha clara afectación na calidade asistenciaI prestada ao conxunto da cidadanía".
Segundo a central nacionalista, as decisións propostas deberían "estudar as causas que xeran esta situación", avaliando como se chegou aquí "e asumindo as responsabilidades na xestión, ou na ausencia dela, realizada nos últimos anos".
Aseguran que "ou melloran as condicións de traballo, e non é so un tema retributivo, ou as prazas de formación que incrementemos seguirán a quedar desertas". Por iso rexeitan as medidas propostas porque "penalizan máis a profesionais xa sobrecargados, que están soportando co seu esforzo o peso da nosa sanidade pública".
Os representantes de CIG-Saúde, Manuel González Moreira, Begoña Mayo e Celia Iglesias aseguran que a de Pontevedra-O Salnés é "sen dúbida, a área que peor trata aos profesionais" polo que "loxicamente a xente prefire irse a outras áreas cunha mellor xestión de Persoal".
A preguntas dos xornalistas os representantes de CIG-Saúde valoraron o anuncio que fixo o Sergas aos representantes sindicais de CESM, Prosagap, Omega, TSP e CO-BAS, de cambios na directiva da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés "o importante non son os nomes senón que a Xerencia teña un plan que sexa capaz de facer fronte aos problemas", dixeron. Para os nacionalistas a orixe do problema esta na propia Consellería de Sanidade polo que reclaman a saída do seu titular.