A CIG esixe que se executen os convenios pesqueiros da UE con países africanos para dar saída á frota cefalopodeira

Pontevedra
29 de agosto 2014

Dos 24 barcos cefalopodeiros pontevedreses que faenaban en Mauritania cando a frota galega foi expulsada do caladoiro en 2012, tan só trece retomaron a actividade, 10 foron despezados e un vendido a outro país. Dos 13 activos, catro traballan na actualidade en Angola, dous nas Malvinas, cinco estiveron en diversos caladoiros como Gambia e dous están atracados nos portos de Marín e Vigo

Xabier Aboi dá conta da situación da frota cefalopodera galega
Xabier Aboi dá conta da situación da frota cefalopodera galega / PontevedraViva

Dos 24 barcos cefalopodeiros pontevedreses que faenaban en Mauritania cando a frota galega foi expulsada do caladoiro en 2012, tan só trece retomaron a actividade, 10 foron despezados e un vendido a outro país. Dos 13 activos, catro traballan na actualidade en Angola, dous nas Malvinas, cinco estiveron en diversos caladoiros como Gambia e dous están atracados nos portos de Marín e Vigo. A radiografía realizouna este venres o responsable do sector de Mar da FGAMT-CIG, Xabier Aboi, para quen o panorama actual non é nada prometedor e necesita dunha actuación inmediata dos gobernos galego e español.

Aboi reclamou que a única solución para salvar á frota cefalopodeira galega pasa por "que se executen" os acordos pesqueiros que hai en vigor entre a Unión Europea e diversos países africanos e que se actualicen outros. Desa forma podería recolocarse a frota que xa non traballa en Mauritania.

A frota sofre a "inacción" da Xunta e o Goberno estatal, que dán o visto e prace a acordos "nefastos para Galicia", de modo que Aboi pide á conselleira do Mar, Rosa Quintana, e ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que abandonen a súa inutilidade" e "exerzan de Goberno galego, que é para ou que foron elixidos".

Entre as medidas que reclama Aboi está que non se firme un novo acordo pesqueiro con Mauritania se non contempla a flota galega do polbo, que se axilicen e actualicen os acordos pesqueiros en vigor con Guinea Bissau, Senegal e Marrocos e que se arranxe a situación con Guinea Conakri.

Estes caladoiros alternativos, sumados aos do Sáhara e Mauritania, serían, según Aboi, "unha boa saída para os nosos barcos, permitindo unha pesca sustentable e de futuro para o noso país", pois non deixan de sucederse malas noticias nos últimos tempos. A última foi que a flota galega tivo que abandonar o caladoiro de Guinea Conakri "por ordes de Madrid despois de que a UE o declarara 'país que non persegue a pesca ilegal'". Sin embargo, "vemos que outras flotas como a chinesa continúan a pescar alí e a vender no mercado comunitario como pesca doutros países".

O acordo pesqueiro con Marrocos é o que está agora máis no aire, pois trátase da "historia dun engano permanente". Asinado hai máis dun ano, a súa entrada en vigor estivose retrasando ata agora porque Marrocos, segundo Aboi, estábaa condicionando á firma do tratado agrícola coa UE. Unha vez asinado, o protocolo de pesca segue sen executarse e a pesar de que os armadores xa pagaron polas licenzas unha media de 22.000 euros, non se poderá ir pescar, polo menos, ata a celebración da Comisión Mixta de setembro.

Arquivado en