Delegados e delegadas de todas as comarcas estaban convocadas este xoves 3 de outubro a asembleas organizadas pola CIG. En Pontevedra concentrábanse os representantes do sindicato nacionalista ante a Subdelegación do Goberno.
Denuncian o sistema de políticas implantado polo Goberno español que se exterioriza, segundo indican, no acordo para a reforma das pensións elaborado polo executivo, a patronal e os sindicatos UGT e CCOO no marco do diálogo social.
Desde a CIG argumentan que a modificación afecta ao dereito a unha xubilación digna e avanza na privatización da sanidade pública.
Marcos Conde, secretario comarcal da CIG, apunta a que se están desenvolvendo aspectos lesivos no tema das xubilacións, "dando por feito a xubilación aos 67 anos", expón.
Lamenta que "non se traballe desde o sindicalismo na recuperación da xubilación parcial aos 61 anos e que se empece a falar de cousas tan graves como a xubilación activa e a xubilación demorada".
Advirte que "a pensión non vai ser suficiente para vivir e as persoas van ter que combinala cun traballo. Tratan de vendelo como positivo cando é unha perda de dereitos dos traballadores".
"No sindicato e a maioría da xente da rúa quere xubilarse canto antes cunha pensión digna", insiste Conde, "Venden como positivo que vou poder combinar a xubilación con outro traballo? Aí algo falla. Hai unha mentira".
Pón como exemplo o caso de Alemaña coa aparición dos "minijobs", traballos moi limitados para persoas de idade avanzada ás que a pensión non lles permite chegar a fin de mes.
"En Estados Unidos vemos persoas de 80 anos na saída do supermercado axudando a empaquetar bolsas", lembra o representante sindical.
A CIG sinala que "é de xustiza que un traballador con 35 anos cotizados poida xubilarse" e admite que polo sindicato pasan traballadores con sesenta anos e con máis de corenta anos cotizados que aínda non se poden xubilar.
Marcos Conde tamén lembra que a xubilación activa supón unha elevación da idade de xubilación "cando temos un 20% de paro entre a xuventude, entre os menores de 25 anos".
Ao mesmo tempo, desde a CIG non entenden por que o Goberno de Pedro Sánchez anuncia "a bombo e prato" a redución da xornada laboral, "que é máis que necesaria".
Lembra que a xornada laboral en Galicia está nas 39 horas e 30 minutos, cando a media europea sitúase nas 38.
O sindicato nacionalista opónse a estas negociacións "a espaldas dos traballadores" e reclama que se desenvolvan nas sedes das institucións con representantes da CIG.
"Están traballando ao revés do que debería ser o normal", conclúe Conde.