A CIG considera un éxito a xornada de folga no sector de oficinas e despachos

Pontevedra
15 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

O sindicato nacionalista convocara unha folga total do sector para a xornada deste luns 15, á que sumou unha manifestación polas rúas do centro de Pontevedra durante a tarde. Denuncian que o empresariado neste sector leva co convenio paralizado no salario durante os últimos doce anos e sen producirse avances na mesa negociadora aberta

Manifestación de persoal do sector de oficinas e despachos / Mónica Patxot

Este luns 15 de abril, persoal que traballa en oficinas e despachos na provincia estaba chamado a unha folga total, de 24 horas para reclamar mellores condicións económicas e laborais. 

O sindicato CIG, convocante do paro, considera un "éxito" esta acción sinalando que nalgunhas empresas o seguimento foi do 100%, a pesar de que se atoparon con "resistencia" por parte da patronal á hora de poder exercer o dereito a folga e o labor dos piquetes informativos, segundo denuncian desde o sindicato.

"Estamos unidos e organizados. Xa non é o que era antes", sinala Aitor Maquieira, de CIG-Pontevedra. Denuncian que este sector leva 12 anos co convenio paralizado e cos salarios conxelados. 

Alertan tamén de que na mesa negociadora non se producen avances xa que o empresariado quere cambiar o complemento de antigüidade por salarios que, nalgunhas categorías, supoñen un incremento sobre o SMI de 9 euros brutos anuais. Esta proposta por parte da Confederación de Empresarios de Pontevedra é rexeitada pola parte social.

Indican tamén que a parte empresarial négase a introducir unha cláusula de garantía salarial para resolver situacións de inflación disparada, como está a suceder durante os últimos anos.

A xornada de paro en Pontevedra tamén sumou unha concentración matinal ante as oficinas da asesoría de empresas Cytem e unha manifestación polo centro da cidade en horario de tarde coa intervención de máis dun centenar de persoas.