O xoves 13 de abril haberá unha nova negociación entre a patronal da hostalería e os representantes sindicais de CIG, CCOO e UGT para tentar negociar un novo convenio colectivo para este sector que afecta a 25.000 traballadores na provincia.
A central nacionalista denunciaba este mércores a través de Aitor Maquieira e de Iván Veiga, responsables da Federación de Servizos da CIG, a situación de precariedade do persoal de hostalería nun sector que definiron como un dos máis importantes economicamente para a provincia. Por este motivo reclaman un "convenio colectivo digno". Na actualidade continúan regulados polo que concluíu en decembro de 2021, unha situación que consideran "insostible".
Sinalan que nesta negociación están a xogarse os salarios e as condicións nas que traballarán durante os próximos anos. Pola contra, ata o de agora ese acordo que buscan non avanzou durante os catro encontros mantidos coa parte empresarial desde finais de 2022.
Aitor Maquieira expoñía que os traballadores se manteñen co mesmo salario desde 2021 e que, por tanto non se melloraron os seus soldos atendendo ao IPC de 2021 e de 2022, cunha perda de poder adquisitivo superior ao 12%. Indica que con salarios baixos, que non superan os mil euros, e coa carestía de vida, os traballadores de hostalería enfróntanse a unha "situación límite" porque o salario queda en 873 euros reais, cantidade inferior ao que cobraban hai tres anos, indicaban os representantes sindicais da CIG.
Iván Veiga, secretario comarcal da Federación de Servizos, alerta de que os empresarios atenden á última reforma laboral e utilizan a figura de fixos descontinuos a tempo parcial, coa precariedade que iso conleva.
Sinala tamén que necesitan melloras laborais relacionadas, entre outros temas, coa conciliación e coa diminución de números de horas pasando das 1.800 efectivas actuais a 1.720 anuais. Lembran que este sector xa non é temporal como sucedía anos atrás senón que en numerosas comarcas da provincia a actividade hostaleira ten continuidade durante todo o ano.
Relacionan as dificultades que teñen moitos establecementos en atopar persoal coas condicións que se ofrecen ao non ser "dignas" malia que a facturación das empresas son boas.
"A patronal non ten interese por chegar a acordo cos traballadores", afirman e, por este motivo, alertan de que se non se observan avances nas próximas negociacións iniciarán accións de protesta.