O concello de Pontevedra rexistrou este martes 19 novos contaxios co que o número de casos activos sitúase en 259, segundo os datos oficiais. En total hai 1.971 contactos en seguimento.
A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, sinalou que o concello de Pontevedra está moi preto dos 300 casos de incidencia acumulada a 14 días. Ademais a Boa Vila pasou de 102 a 171 nos últimos 7 días, o que é "un aumento preocupante". A porcentaxe de PCR positivas supera o 10%, concretamente é do 12%.
En Galicia a incidencia a 14 días é 485 e a sete días de 297,6. "Estamos ante un crecimiento importante" en ambos os indicadores, sinalou Durán.
Pola súa banda o xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Jose Flores Arias, referiuse á situación "alta estable" da Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do Hospital Montecelo que "compromete" a utilización das camas da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
"Os datos que estamos a comentar son motivo de preocupación", indicou o xerente do Sergas. O incremento de casos ten unha consecuencia na presión asistencial. A ocupación das UCI galegas creceu un 68% en 7 días.
"Se non a paramos", a terceira onda será peor que a primeira
O coordinador de Urxencias en Hospital do Salnés, José Vázquez Lima, recoñece que "temos unha situación mala", incidindo na importancia de que "a poboación ten que ser cómplice dos sanitarios o no hay salida" e cumprir as normas porque "se non a paramos" a terceira onda será peor que a primeira.
"Todos sabemos cales son as medidas", engadiu Vázquez Lima, que pediu que "por favor, extremen a prudencia, respecten as distancias".
Ademais, a consellería de Política Social fixo público este martes dous positivos por covid-19 entre os usuarios da Residencia de Maiores de Campolongo, que se unen aos restantes 385 usuarios afectados pola enfermidade que viven noutros centros deste tipo de Galicia. Aínda que a consellería non o confirmou de forma oficial, estes dous contaxios entre usuarios poderían ser os primeiros que se producen na residencia pontevedresa desde o inicio da pandemia.