A cidadanía mobilízase para retirar as bólas de plástico das praias

O Salnés
08 de xaneiro 2024

O movemento solidario iniciouse no Día de Reis e a difusión desta actividade nas redes sociais está a sumar cada vez máis persoas voluntarias

Voluntarios limpando a praia
Voluntarios limpando a praia / Plataforma Veciñal Non ao parque eólico do Castrove

A cidadanía está a mobilizarse para cribar a area das praias afectadas pola vertedura de bolitas brancas de plástico procedentes da perda dun contedor marítimo con estes sacos de pellets que transportaba o buque "Toconao".

O movemento solidario iniciouse no Día de Reis e a difusión desta actividade nas redes sociais está a sumar cada vez máis persoas voluntarias.

Guiándose polo mapa de praias afectadas elaborado pola asociación Noia Limpa os grupos de limpeza repártense polas Rías Altas e as Baixas.

Nalgúns puntos como o Parque Natural de Corrubedo acudiron axentes ambientais e persoal especializado ao servizo da Xunta para supervisar estas batidas cidadás.

Mentres, crece a polémica política polo cruzamento de acusacións ante a inacción por este desastre ecolóxico.

A vicepresidenta terceira do Goberno estatal e ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira, púxose onte en contacto co presidente en funcións da Xunta para ofrecer medios materiais e humanos. Alfonso Rueda agradeceu este xesto.

O Goberno galego activou a emerxencia de nivel 1. O conselleiro de Mar, Alfonso Villares, solicitou a apertura dunha liña de comunicación directa que permita coñecer realmente o alcance da vertedura e destacou que este é un problema de carácter estatal porque "está a afectar tamén á costa de Asturias e Cantabria". 

A Xunta anunciou que o traballo de Tragsa, Gardacostas e axentes ambientais intensificaranse nos próximos días. 

A portavoz nacional do BNG Ana Pontón denunciou "unha nova marea de mentiras e de ocultación do PPdeG" criticando a xestión da vertedura que lle lembra ao modo de actuación das autoridades tras a catástrofe do Prestige porque "están a deixar soa á xente do mar que está a ir ás praias para limpar e tamén aos concellos que non teñen medios nin recursos".

Pola súa banda, o candidato do PSdeG nas próximas eleccións autonómicas do 18 de febreiro José Ramón Gómez Besteiro centrou as súas críticas na pasividade da Administración autonómica actuando unicamente "cando así o requiriu a presión social" cando "foron advertidos a mediados de decembro polos veciños e polo propio Goberno de España".

Arquivado en