A cidadanía e os profesionais do sector están chamados a participar na Estratexia Turismo Rías Baixas

Pontevedra
02 de maio 2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, xunto coa deputada de Turismo Nava Castro, presentou este xoves a fase participativa de elaboración da Estratexia Turismo Rías Baixas

Presentación da fase participativa de elaboración da Estratexia Turismo Rías Baixas
Presentación da fase participativa de elaboración da Estratexia Turismo Rías Baixas / Mónica Patxot

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, xunto coa deputada de Turismo Nava Castro, presentou este xoves a fase participativa de elaboración da Estratexia Turismo Rías Baixas.

A este acto, celebrado no Palacete das Mendoza, tamén asistiron o presidente da Agrupación industrial de Turismo de Galicia, Cesáreo González Pardal e o presidente do Consorcio de Empresas Turísticas de Sanxenxo, Alfonso Martínez, entre outros representantes do sector.

A Deputación pretende posicionar aos concellos como protagonistas da estratexia de promoción turística e afondará na consolidación de Pontevedra como destino turístico intelixente.

Para iso promoverá a participación de todos os grupos de interese do ecosistema turístico da provincia na formulación consensuada desta folla de ruta estratéxica do destino Rías Baixas para os próximos anos, cun marco operativo que abarca ata o ano 2027 e cunha visión que sitúa o horizonte no ano 2030.

Rematada a etapa de "análise estratéxica do destino", a nova folla de ruta turístico da Deputación, segundo explicou Luis López, inicia agora unha fase de "escoita", caracterizada pola "participación co sector e a posta en común das ideas".

Con esta intención celebraranse mesas de traballo, seis delas dedicadas á "validación da diagnose" que serán convocadas nas localidades de Vilanova de Arousa, Lalín, Marín, Vigo, Ponteareas e Baiona. Haberá outras seis mesas centradas na "validación de alcance estratéxico" e tamén se convocará á Mesa de Turismo.

Nesta fase, previa ao deseño das estratexias, tamén se realizarán enquisas, incorporaranse as achegas de profesionais do sector e da cidadanía e habilitarase unha nova páxina web estratexiaturismoriasbaixas.com na que se irán publicando as novidades na elaboración deste plan.

"Isto non é máis que un pistoletazo de saída", manifestou o presidente provincial, confiado en que a nova estratexia "abrirá novas portas ao crecemento sostible do noso sector" que representa o 12% do produto interior bruto (PIB) da provincia. 

A deputada responsable da área de Turismo, Nava Castro, explicou que o ano 2023 foi "histórico" para este sector na provincial, xa que "conseguimos recuperar as cifras anteriores á pandemia, mesmo as superamos, xa que o sector saíu fortalecido e ademais está a crecer a niveis superiores ao ano 2019".

Segundo os datos ofrecidos pola Deputación de Pontevedra, comparando o ano 2023 co 2019 rexistrouse un incremento do 8,3% no número de viaxeiros, unha subida de 6,95% no número de noites, creceu un 20,8% o número de viaxeiros estranxeiros e un 12,22% o volume de pasaxeiros no aeroporto de Peinador. Ademais o gasto turístico dos visitantes estranxeiros aumentou un 31,53%.

A oferta de aloxamento de 2023 comparada co ano 2019 tamén reflicte un crecemento do 3,72% nas prazas hostaleiras, dun 57,32% en prazas de albergues e dun 135,86% en prazas de vivendas de uso turístico. Ademais no ano 2023 foron máis de 70.000 as persoas que realizaron consultas nas oficinas da Rede Info Rías Baixas.

Nava Castro incidiu nas perspectivas positivas para este ano 2024 pois no primeiro trimestre a demanda nos hoteis xa se incrementou un 14,86% respecto ao mesmo período do ano pasado e a facturación hostaleira neste primeiro trimestre tamén rexistrou unha subida do 12,3% en comparación co ano anterior.