A cidadanía acode masivamente ás farmacias para solicitar os kits de recollida de saliva

Pontevedra
09 de febreiro 2021

Como ocorre con todas as novidades, ao principio lanza dúbidas. É o que está a suceder coas farmacias pontevedresas e o pioneiro programa de cribado que este martes empezou de maneira masiva. Estas son as principais dúbidas que se expoñen

As farmacias pontevedresas participan masivamente no plan de cribado
As farmacias pontevedresas participan masivamente no plan de cribado / Mónica Patxot

Como ocorre con todas as novidades, ao principio lanza dúbidas. É o que está a suceder coas farmacias pontevedresas e o pioneiro programa de cribado que este martes empezou de maneira masiva.

Había gran interese por parte da cidadanía nas xornadas previas o que fixo que algunhas boticas repartiran axiña as existencias en apenas unha hora. Eran clientes que xa se interesaran nos días anteriores e que desexaban facerse a proba para saber se eran asintomáticos e sen sabelo podían estar a contaxiar ao resto de familiares e amigos.

Para os farmacéuticos está é unha xornada moi especial porque levaban desde o principio da pandemia ofrecendo o seu coñecemento e a súa colaboración como persoal sanitario para axudar.

"A capilaridade e accesibilidade das farmacias e a profesionalidade dos farmacéuticos fan que as farmacias sexan o complemento idóneo dos centros de saúde e poidan axudar a desconxestionar a atención primaria. A gran acollida que tivo na poboación o piloto deste cribado, demóstrao", valorou a presidenta dos farmacéuticos de Pontevedra, Alba Soutelo.

"Este cribado está a causar moitísimo interese nos cidadáns. Pedímoslles que acudan gradualmente ás farmacias. Está previsto que dure polo menos dous meses, polo que todas as persoas que cumpran os requisitos poderán participar no programa", recalca a presidenta do Colexio.

Estas son as principais dúbidas que trasladaron as persoas que hoxe acudiron ás farmacias:

QUE FARMACIAS PARTICIPAN?

A resposta dos farmacéuticos foi abafadora e fan innecesarias as listaxes cos nomes de todos aqueles establecementos da provincia que se adheriron xa que o 89% participa, isto son 381 farmacias. Aínda así todos eles identifícanse nos seus escaparates cun cartel.

CANTO CUSTA A PROBA?

É gratis e voluntaria. 

COMO FUNCIONA O SISTEMA? 

O sistema é sinxelo, o Sergas distribuíu nas farmacias os kits de recollida de saliva que estas repartirán á poboación e que logo serán analizados no laboratorio do Hospital Álvaro Cunqueiro.

Cada farmacia conta con 80 tubos de recollida de saliva que se repoñerán semanalmente. É dicir, entregaranse un máximo de 10 ao día por botica. Non poden ser máis porque se supera a capacidade do laboratorio para analizar as mostras que se procesan en grupos de 20.

PODO FACERME O TEST?

É o farmacéutico quen indica a proba a persoas de entre 40 e 64 anos, é o que chaman "poboación diana", que debe cumprir unha serie de requisitos como: ter tarxeta sanitaria Sergas, dispoñer dun teléfono móbil onde recibir o resultado da proba, non ter un resultado positivo en Covid-19 nos últimos 3 meses, non ser paciente paliativo ou inmobilizado, non traballar ou residir nunha residencia para persoas maiores ou persoas con discapacidade, non ser contacto de seguimento Covid-19 e non facer unha PCR nos últimos 15 días.

Ademais, para participar neste programa, a persoa non debe ter síntomas compatibles coa infección ocasionada polo coronavirus. No caso de que os presente o farmacéutico deberá derivala ao seu centro de saúde para que lle soliciten unha PCR con mostra nasofaríngea canto antes.

COMO DEBO RECOLLER A MOSTRA DE SALIVA?

Tanto na farmacia como no propio kit facilítanse as instrucións para unha correcta recollida da saliva. O procedemento é moi sinxelo: a mostra tómase nada máis levantarse pola mañá. Non se debe comer, beber, fumar, mascar chicle ou lavar os dentes nos 30 minutos previos á toma da mostra.

Non hai ningún problema á hora de realizar esta proba con saliva se a usuaria está embarazada ou se está a tomar medicación. 

QUE TRAE O KIT DE SALIVA?

O kit inclúe un tubito cun código de barras que contén unha pequena cantidade de solución preservante e que está pechado cun tapón da raia, ademais trae un embude para facilitar a recollida.

Débese cuspir no embude ata que a cantidade de saliva (sen burbullas) alcance a liña marcada. Péchase o tubo de recolección co tapón e despois axítase o tubo varias veces para mesturar a saliva e a solución preservante. O embude utilizado refúgase.

Non é necesario conservar a mostra en frío, o líquido preservante do tubo permite unha conservación óptima a temperatura ambiente (15-30º C) durante 12 meses tras a toma da mostra.

Finalmente, de luns a sábado, antes das 10.30 horas da mañá, entrégase a mostra na farmacia, que a enviará ao laboratorio para procesala. O domingo non recollen mostras.

CANDO SE COÑECE O RESULTADO?

Previamente na farmacia rexistrarían o teléfono do usuario, no que recibirá un SMS no móbil se o resultado é negativo, e se é positivo terá que repetir a proba e esta vez con PCR nasofaríngea.

ATA CANDO FUNCIONARÁ ESTE PROGRAMA?

Está programado un calendario que se prevé que se estenda durante dous meses. Por agora só farase na provincia de Pontevedra, pero a Consellería de Sanidade xa expresou a súa intención de estendelo ao resto de Galicia.