A chuvia obriga a buscar novas datas nos entroidos de Poio e Sanxenxo

Poio
01 de marzo 2017

Ante a confirmación do mal tempo e da choiva o desfile infantil de Sanxenxo trasládase ao domingo 12. O Enterro do Mexillón de Poio en Combarro, previsto para este xoves 2, tamén se suspende na procura dunha nova data

Cazado en pleno entroido baixo a chuvia
Cazado en pleno entroido baixo a chuvia

O goberno local de Sanxenxo decidiu suspender o desfile infantil previsto para a tarde deste mércores 1, debido ás inclemencias do tempo. A idea inicial é que se desprace ao domingo 12 de marzo pero a organización alerta de que dependerá de como vaia evolucionando a metereología nos próximos días, á espera do que suceda co desfile de adultos previsto para o vindeiro domingo 5.

A asociación Amigos da Dorna, organizadora do Enterro da Sardiña en Portonovo, trasladou tamén a organización desta festa, prevista para este mércores, para o sábado día 4. Mentres, a Agrupación Veciñal de Vilalonga pospón o seu enterro da cabra para o venres día 10 de marzo.

ENTERRO DO MEXILLÓN EN COMBARRO

O Ateneo Corredoira, organizadores do Enterro do Mexillón de Combarro, tras manter unha reunión nas últimas horas coa concelleira de Cultura e Festexos, Lidia Salgueiro, decidían tamén aprazar a celebración deste evento festivo do Entroido de Poio.

A nova data para o Enterro do Mexillón decidirase nun novo encontro entre os organizadores que terá lugar este xoves cos representantes das comparsas Os Canecos e Os Centolos, ademais do Grupo de Entroido de Samieira. 

En Poio si se manteñen os dous bailes infantís programados para o lugar de Campelo e na parroquia de Raxó que están previstos na programación do Entroido para as tardes do sábado 4 e para o domingo 5. 

Arquivado en