O Entroido deste ano quedará no recordo colectivo da cidade como o ano no que máis adiamentos producíronse na súa programación debido á choiva. E aínda non terminaron os cambios.
Ante o temporal previsto para estes días, o Concello de Pontevedra decidiu aprazar todas as actividades -Mostra da Parodia, o desfile e o enterro do Loro Ravachol- que se ían a celebrar entre este venres 12 e o vindeiro domingo 14.
Esta decisión, que se tomou de forma consensuada cos grupos e comparsas que participan no Entroido pontevedrés durante este venres 12, supón que a Mostra da Parodia pasará ao venres 19 de febreiro, o desfile central para o sábado 20 e o enterro de Ravachol para o domingo 21 ás 20.00 horas.
Segundo explicou a concelleira de Festas, Carme da Silva, para a seguinte fin de semana agárdase bo tempo, de maneira que poidan desenvolverse con normalidade todas as actividades adiadas. Da Silva apuntou que é ilóxico manter os actos nesta fin de semana cando os servizos de emerxencias van estar en alerta ante as inclemencias do tempo. Trátase da primeira vez na historia de Pontevedra en que se ten que aprazar dúas veces o desfile e o enterro do Ravachol, indicou a concelleira.
En Monte Porreiro, o domingo 21 vai celebrarse a Festa da Troita e durante a tarde, a partir das 16.30 horas está previsto o desenvolvemento do desfile na urbanización coa posibilidade de que os participantes poidan achegarse despois ata o enterro de Ravachol polo centro histórico.