A Concellería de Educación iniciou no CEIP Portonovo a primeira dunha serie de actuacións que buscan reparar os deteriorados patios escolares.
Trátase dunha actuación cun importe de 22.869,43 euros que a Concellería asume con fondos propios ao considerar que se trata dunha obra que urxe acometer debido ao avanzado estado de deterioración do patio deste colexio.
Desde a Concellería de Educación revisaron os patios de todos os colexios xa que a gran maioría presentan deficiencias considerables que o departamento de Sandra Fernández Agraso prevé liquidar neste mandato. Neste sentido a edil de Educación sostén que o elevado volume de matriculación no CEIP Portonovo así como o mal estado deste patio explican que as actuacións programadas nos colexios de Sanxenxo comezasen en Portonovo.
Os traballos iniciados a pasada semana foron paralizados pola Concellería de Educación ao detectarse desde o departamento de Urbanismo que era necesario un informe favorable de Costas, por estar o colexio en zona de dominio de Costas, e que inicialmente non se solicitou. Tamén se cursou unha comunicación, que non autorización, a Augas de Galicia, debido á proximidade do río Fabaíños.
En obras de reparación e mantemento, como é o caso, as bases de execución do orzamento non obrigan a ter un proxecto de obra en actuacións inferiores a 25.000 euros, aínda que si é necesario cando son precisos informes sectoriais. Por iso, no momento en que se solicitou o informe sectorial a Costas, iniciouse tamén o proxecto de obra.
A Concellería de Educación mantivo parados os traballos durante uns días mentres se completaba o expediente administrativo, que xa está concluído polo que as obras retomaranse en canto as condicións meteorolóxicas o permitan, xa que é necesario que o chan estea totalmente seco.
A obra inclúe a instalación de tubaxes e sumidoiros para recollida de pluviais e acometida á rede xeral.