A choiva e o vento volverán ser os protagonistas esta semana

Pontevedra
12 de marzo 2018

A semana comezará con ceos pouco nubrados, pasando a moi nubrados, que deixarán precipitacións na comarcadiv> div> div>

Choiva en Pontevedra
Choiva en Pontevedra / Diego Torrado

A pesar de que a semana comezou cun luns con poucas precipitacións e ceos parcialmente despexados por momentos, o resto da semana caracterizarase pola choiva e o vento.

O martes 13 de marzo as borrascas que se desprazan polo Atlántico deixaranse notar. As choivas serán máis intensas ao comezo da xornada. As temperaturas mínimas manteranse nos 9 graos do mesmo xeito que o luns, mentres que, as máximas ascenderán ata os 16 graos. O vento do sur soprará de forma moderada ao principio do día, intensificándose co paso das horas ata a noite, cando será moi forte.

O mércores 14, estará marcado pola inestabilidade por mor dunha borrasca ao noroeste de Fisterra. Durante a mañá poderase percibir a través dos ceos cubertos e choivas persistentes, que pasarán a ser intermitentes durante a tarde. As temperaturas cambiarán lixeiramente, deixando mínimas de 12 graos e máximas de 14. Os ventos serán fortes e de compoñente sur.

Meteogalicia informa de que as borrascas continuarán desprazándose polo Atlántico norte, o que deixará nubes e choiva nas Rías Baixas o resto da semana. As temperaturas manteranse sen grandes cambios, con mínimas de 9 graos e máximas de 13 e 14. A partir do venres descenderán as temperaturas, o que poderá deixar neve en cotas por baixo dos 1.000 metros.