A choiva non parece ter intención de desaparecer dos ceos da provincia no futuro próximo. A Xunta de Galicia activou unha nova alerta laranxa a partir do mediodía deste martes 10 de abril pola chegada dun temporal que azoutará a costa da comunidade ao longo do día, deixando ondas que oscilarían entre os 5 e 6 metros.
O goberno aconsella aos cidadáns que se manteñan afastados da liña costeira e os peiraos, ademais de extremar a precaución á hora de realizar tarefas marítimas e revisar os cabos e amarres dos barcos. Deberíase evitar tamén camiñar preto de estruturas ou edificios que puidesen verse afectados polos refachos de vento debido ao risco de desprendementos.
A información completa da alerta pode consultarse na páxina do CIAE 112, con actualizacións e máis datos meteorolóxicos sobre este temporal.