O treito urbano da EP-0403, estrada provincial que une Carballedo e Rebordelo, terá un deseño "radicalmente diferente" cando rematen as obras de humanización que se van a facer no núcleo de A Chan. Investiranse 607.000 euros, dos que a Deputación achegará o 70% e o Concello de Cerdedo-Cotobade os cartos restantes.
Con esta obra buscan recuperar o espazo público da zona mediante a pacificación do tráfico, a ampliación da praza actual cunha vía de plataforma única, así como polo redeseño da contorna da capela de San Roque, onde se creará un espazo de uso peonil exclusivo con parámetros de grande calidade urbana tanto nas áreas singulares como nos espazos verdes.
O proxecto, que xa está rematado dende o pasado ano, estivo pendente de autorizacións sectoriais, así como da consecución de terreos, que permitirán incluír unha nova zona de estacionamento que dará servizo ao núcleo de centralidade de A Chan, onde conflúen a Casa Consistorial, o banco ou o centro médico, entre outros.
Segundo manifestou o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, a actuación prevista para o núcleo de A Chan vai ser un exemplo de como se deben tratar travesías que pasan por núcleos rurais e que contan con elementos de importante valor patrimonial.
"Entendemos que esta actuación será exemplo de travesía do rural. Este proxecto que vai poñer en valor toda a zona, e o que hoxe é unha estrada provincial pasará a ser un espazo público de preferencia peonil e de goce para as persoas de Cotobade", asegurou Benítez.
Unha vez aprobado o convenio en Xunta de Goberno, o acordo será asinado formalmente entre ambas partes nun acto público. Logo da sinatura o proxecto pasará ao departamento de Contratación para a súa licitación. Se os trámites administrativos o permiten, a intención é comezar as obras durante o outono.