A cesión para o novo edificio dos Xulgados na Parda irá ao pleno deste mes

Pontevedra
06 de xullo 2015

O Partido Popular lamenta que pasaran cinco anos sen que se entregaran os terreos á Xunta de Galicia e o concelleiro García Legísima insiste en que a administración autonómica podía desenvolver o proxecto dende 2013

O PP demanda a cesión inmediata dos terreos para o novo edificio xudicial da Parda /
Terreos onde vai ser construido o novo edificio xudicial
Terreos onde vai ser construido o novo edificio xudicial

O pleno municipal ordinario do próximo 20 de xullo prestará conformidade o acordo da xunta de goberno que permite a transmisión da propiedade dos terreos á Xunta de Galicia para a construción do novo edificio xudicial da Parda, así confirmouno o concelleiro de Patrimonio Vicente García Legísima, minutos despois de que o Partido Popular reclamase a posta a disposición da administración autonómica do soar no que se proxecta este inmoble.

Jacobo Moreira, voceiro do grupo municipal do PP, sinalou que a Xunta leva esperando cinco anos por eses terreos e que esperaba que non pasase deste ano a posta en marcha dese proxecto, tal e como sinalou o vicepresidente do goberno autonómico, Alfonso Rueda.

Neste sentido, García Legísima apuntou que o acordo da xunta de goberno para o traspaso deses terreos recibiu a resposta da administración autonómica o pasado 16 de xuño reclamando que fose aprobado polo pleno. O concelleiro engadiu que, en todo caso, o goberno de Núñez Feijóo ten á súa disposición o soar dende xaneiro de 2013, unha vez que o Concello de Pontevedra adquiriu a parcela. E lamentou que, noutras cidades como Ourense, a Xunta ten acometido os pasos iniciais do proxecto sen que o goberno local tivese adquirido o terreo.