A Praza de Abastos de Bueu volve acoller un novo mercado temático. Desta volta, o da cervexa e sidra artesá. Será este mércores 23 de marzo e estará aberto de 10 a 14 e de 16 a 20.30 horas. Tamén abrirá o xoves, pero só en horario de mañá.
Os expositores que van estar no mercado ambos os dous días serán Cervexa La Negra de las 12, Cerveza Pardao, Cervexa Faxilda, Cervexa Galician Brew, Cervexa Meiga, Sidra Ribela e Sidra Val do Traba, segundo avanzou a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Silvia Carballo.
O mercado incluirá tamén obradoiros, degustacións e charlas.
Este mércores haberá dúas sesións do obradoiro infantil de elaboración de compota e piruletas de mazá, ás 17.30 e ás 18.45 horas, e no que poderán participar nenos e nenas de ata 6 anos. Para esta actividade non é precisa inscrición previa, senón que a participación se fará segundo orde de chegada.
O xoves haberá dúas actividades que vinculan a gastronomía do mar coa da terra. Ás 11 horas, Víctor Manuel Rivas González impartirá a charla A expansión da sidra galega, e ás 12 horas desenvolverase unha cata de sidras nacionais e internacionais, con límite de quince prazas, e na que terán preferencia as persoas que participen na charla.
O mercado tamén vai acoller ás 12.30 horas o seu tradicional showcooking, neste caso con degustación de paella de mar e montaña ao aroma de sidra galega. Para poder degustar este prato, os praceiros van repartir vales entre as persoas que merquen na praza durante estes días, co obxectivo de que se dinamice o comercio buenense e os produtos locais.
Este mercado temático, ao igual que os restantes que se van organizar este ano en Bueu, foi subvencionado polo Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, e insírese nos proxectos de dinamización da Praza de Abastos de Bueu e de promoción da economía local.
Os vindeiros mercados serán o do pan, o da saúde e benestar e o da conserva.