A causa polo naufraxio do Villa de Pitanxo instruirase en Madrid

Marín
04 de novembro 2022

Carpetazo definitivo á cuestión de que xulgado é competente para investigar o naufraxio do Villa de Pitanxo. A Audiencia Nacional determinou que sexa o Xulgado Central de Instrución número 2, que xa levaba a causa, a que continúe con toda a instrución

Familias do Villa de Pitanxo ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra
Familias do Villa de Pitanxo ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra / Mónica Patxot

Carpetazo definitivo á cuestión de que xulgado é competente para investigar o naufraxio do Villa de Pitanxo. A Audiencia Nacional determinou que sexa o Xulgado Central de Instrución número 2, que xa levaba a causa, a que continúe con toda a instrución.

Rexeita así o recurso presentado pola Fiscalía, que insistiu sempre en que a Audiencia Nacional non tiña competencia para indagar o afundimento do buque galego. A este argumento aferrouse tamén a navieira, Pesquerias Nores, co mesmo éxito.

O tribunal desestimou, por último, o recurso presentado polo patrón do barco, Juan Padín, un dos investigados neste proceso, que solicitaba que fose un xulgado de Vigo o que instruíse a causa derivada desta catástrofe marítima.

O auto da Audiencia Nacional conclúe que remitir de novo a Galicia a investigación só xeraría "indesexables dilacións" e non supoñería "ningunha vantaxe", polo que seguirá en mans do xuíz Ismael Moreno, que xa estaba á fronte da instrución.

Engade ademais que a querela dos familiares pide investigar un delito de falsidade documental ao sinalar que en Canadá o capitán elaborou e presentou a protesta de mar "faltando á verdade na narración dos feitos" e indican que é o xuíz Moreno quen debe decidir sobre a competencia da xurisdición española ante esa suposta falsidade.

"De ser España competente, a instrución por eses feitos que se din producidos en Canadá corresponde sen dúbidas ao xulgado central de instrución", resolve o auto.

Para as familias das vítimas, esta decisión da Audiencia Nacional "é un alivio e unha satisfacción", segundo destacou a súa portavoz María José de Pazo, porque "por fin tras tantos meses acábase o vaivén da causa".