A cativada do colexio de Ponte Sampaio pásao en grande coa festa do Samaín

Pontevedra
30 de outubro 2019

A comunidade educativa participou en talleres de cociña, maquillaxe, curtametraxes e contos de medo. Ademais, o centro instalou un terrorífico e divertido túnel do medo

Festa de Samaín no colexio de Ponte Sampaio.
Festa de Samaín no colexio de Ponte Sampaio. / CEIP Ponte Sampaio

É unha das festas favoritas dos escolares e moitos centros lánzanse cada ano para celebrar ao grande o Samaín. É o caso do colexio de Ponte Sampaio, que este mércores organizou unha festa terrorífica de disfraces que fixo as delicias de alumnos e profesores.

A mañá incluíu obradoiros de cociña no que elaboraron escobas de bruxa e caras de monstros, de maquillaxe para caracterizarse como bruxas, cabazas, morcegos ou arañas; de contos de medo no que escolares e mestres deron renda solta á súa imaxinación, de manualidades para crear criaturas terroríficas e de curtametraxes no que rodaron escenas arrepiantes.

Por sexto ano consecutivo, o centro instalou un túnel do medo no que non faltaron os cemiterios, pasadizos, esqueletes e demais criaturas terroríficas. A festa continuou con actuacións do alumnado a base de bailes, poemas en varios idiomas, esconxuros e relatos. Asímismo, houbo unha exposición cabazas decoradas polos alumnos nas súas propias casas coa axuda dos seus familiares.

Durante toda a mañá, non faltaron os sustos nin as risas de toda a comunidade educativa que, un ano máis, volveu gozar coa tradicional festa do Samaín.