A última xornada da viaxe a San Juan de Terranova (Canadá) dun grupo de familiares dos 21 mariñeiros falecidos no Villa de Pitanxo contou cunha grata sorpresa, un telegrama de apoio da Casa Real.
As Súas Maxestades os Reis de España, Felipe de Borbón e Letizia Ortiz, fixeron chegar aos familiares un telegrama a través do embaixador de España en Canadá, Alfredo Martínez Serrano.
"Cun emocionado recordo dos mariñeiros do Villa de Pitanxo falecidos en augas de Terranova, queremos mostrarvos a nosa proximidade e recoñecemento cando inaugurastes, coa axuda e colaboración de todos, o memorial no seu recordo no Porto de San Juan", reza o texto asinado polos Reis.
"Queremos dar as grazas por un xesto máis. A súa proximidade e o seu agarimo foron unha constante desde que ocorreu a desgraza", recoñeceu a portavoz das familias, María José de Pazo, aínda desde Terranova.
Os familiares dos mariñeiros falecidos valoran "moi positivamente" a súa expedición a Canadá, que incluíu o descubrimento dunha placa de recordo no parque Harbourside de San Juan en Terranova.
"Estas homenaxes finalizan hoxe pero continuarán sempre ata que consigamos unha sentenza xusta, que será a verdadeira homenaxe para que descansen en paz", concluíu de Pazo.