A Casa Museo de Colón participará na Rede REMA

Poio
02 de febreiro 2024

A Casa Museo de Colón participará na Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA), tal e como confirmou a concelleira de Turismo, Rocío Cochón, despois de acudir en Muros á Asemblea desta Rede, que reúne 36 museos de Galicia, Asturias e o Norte de Portugal

Asemblea da Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA)
Asemblea da Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA) / Concello de Poio

A Casa Museo de Colón participará na Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA), tal e como confirmou a concelleira de Turismo, Rocío Cochón, despois de acudir en Muros á Asemblea desta Rede, que reúne 36 museos de Galicia, Asturias e o Norte de Portugal.

"A cultura mariñeira está no ADN de Poio, e nunha rede que poña en valor o Atlántico non podía deixar de estar a casa natal do primeiro navegante que o cruzou, o noso veciño de Portosanto", destacou.

A edil de turismo estivo acompañada en Muros pola técnica de Promoción Económica María José Suárez e a xerente do Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra, Laura Nieto, que subliñaron o potencial das instalacións da Casa Museo, que recibiron en 2023 un 25% máis de visitantes que o ano anterior.

Ademais, puxeron en valor o patrimonio coloniano, que inclúe o Museo de Portosanto, o Bosque de Colón, o recentemente recuperado Día de Colón e un importante patrimonio inmaterial, como "un puntal fundamental dun destino sustentable, internacional e de calidade, o do Poio único".

Poio acudiu á asemblea en representación dos centros adheridos da Ría de Pontevedra, e participou na elección da nova directiva da Rede, xurdida dunha iniciativa dos oito GALP de Galicia, e que conta coa financiación do Fondo Europeo Marítimo de Pesca (FEMP).