A Casa de Telégrafos de Cuntis pasa a mans do Concello por 80.000 euros

Umia
06 de agosto 2015

O alcalde, Manuel Campos, asinou este xoves a compra do inmoble cos que ata agora eran os seus propietarios. A partir de agora converterase en sede da Fundación Castrolandín, que actualmente está nun local alugado

Sinatura da adquisición da Casa de Telégrafos de Cuntis
Sinatura da adquisición da Casa de Telégrafos de Cuntis / Concello de Cuntis

A Casa de Telégrafos de Cuntis pasou definitivamente a mans municipais. O alcalde, Manuel Campos, asinou este xoves a compra do inmoble cos que ata agora eran os seus propietarios.

O edificio, situado na rúa da Igrexa, custou ao Concello 80.000 euros e a partir de agora converterase en sede da Fundación Castrolandín, que actualmente está nun local alugado.

Esta adquisición únese á que se formalizou nos últimos meses da antiga Casa Consistorial de Cuntis, que custou 124.000 euros e foi sufragada con fondos da Deputación Provincial.

As dúas casas compráronse como froito dun convenio entre a institución provincial e o Concello. Ambos os dous foran de titularidade pública, pero pasaron ás mans de particulares e non se encontraban en bo estado de conservación. No caso da antiga casa consistorial, foi vendida na década dos anos 70 a un particular que hai 25 anos a reformou para destinar o seu uso a vivendas.