A Casa Barroca de Combarro, camiño de converterse en espazo de referencia para o patrimonio de Poio

Poio
21 de setembro 2022
Actualizado: 22:18

A concelleira de Participación Veciñal, Silvia Díaz, sinala que a cesión do inmoble suporá un punto de inflexión na proxección de Combarro, tanto no cultural como no turístico. En primeiro lugar, permitirá a rehabilitación do edificio, corrixindo deficiencias e necesidades que melloren as instalacións

Casa do Ateneo, en Combarro
Casa do Ateneo, en Combarro / PontevedraViva

A Casa Barroca do Ateneo Corredoira de Combarro comezou xa o seu camiño para converterse en espazo de referencia para a difusión do patrimonio municipal de Poio. 

A propiedade pasará a ser de titularidade municipal tras o acordo coa Deputación de Pontevedra, na actualidade titular do inmoble, e agora o Concello empeza xa a traballar para darlle vida nesta nova etapa. 

O voceiro socialista e concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís, definiu como "acordo histórico" o convenio que impulsará a Deputación de Pontevedra, da man do Concello de Poio, para rehabilitar e mellorar a Casa Barroca do Ateneo Combarro, que, ademais, pasará a ser de titularidade municipal, unha vez que se depurou a titularidade e se inscribeu no rexistro de propiedade. Agís salienta o bo entendemento entre ambas institucións e ten claro que este acordo suporá "un antes e un despois" para unhas instalacións "que son santo e sinal do casco histórico da parroquia de Combarro e permitirá crear un espazo que transmita a relavancia e a historia de Combarro".

O concelleiro do PSdeG-PSOE mantivo a pasada fin de semana unha reunión con dirixentes do Ateneo Corredoira para falar deste convenio. Gregorio Agís sinala que esta actuación conta co visto bo da agrupación. "Todos queremos que a Casa se converta nun referente museístico, cultural e turistico, sumando así outro valor engadido para Combarro", afirmou Agís, ao tempo que garantiu que "seguimos a traballar para ofrecer ao Ateneo unhas dependencias que garantan a accesibilidade e a comodidade necesarias para que esta asociación poida continuar desenvolvendo o impagable labor que fan desde o eido cultural e social". 

Pola súa banda, a concelleira de Participación Veciñal, Silvia Díaz, pon en valor a actividade levada a cabo durante décadas pola asociación Ateneo Corredoira, que supuxo o mantemento das condicións do inmoble, e lembra que o compromiso adquirido nas reunións mantidas coa entidade é garantir que disporán de instalacións onde desenvolver a súa actividade.

Silvia Díaz sinala que esta cesión do inmoble suporá un punto de inflexión na proxección de Combarro, tanto no cultural como no turístico. En primeiro lugar, permitirá a rehabilitación do edificio, corrixindo deficiencias e necesidades que melloren as instalacións.

Ademais, permitirá a dotación de contidos innovadores que dean un novo pulo á interpretación do patrimonio de Combarro.

As xestións sobre este inmoble remóntanse ao ano 2020, despois de reunións coa directiva da Asociación Ateneo Corredoira, que deu a coñecer a súa vontade de colaboración para sumar un novo recurso municipal.