O Concello de Pontevedra recibiu "hai poucos días" a confirmación de que as instalacións da Casa Azul están homologadas para impartir cinco cursos diferentes con certificado profesional oficial. Isto é, as persoas que superan esas actividades formativas terán "certificación oficial para traballar para toda España e Europa".
A noticia fíxoa pública este mércores a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, durante unha visita ás instalacións da nova cociña recén instalada na Casa Azul para poder impartir cursos especializados. As instalacións son o resultado de dous anos de xestións e dun investimento de preto de 14.000 euros contratado a unha empresa local, da parroquia de Mourente.
As homologacións afectan a dous cursos de informática, un de cerámica, un de ocio e tempo libre e outro de atención a domicilio, cinco titulacións orientadas a persoas de baixo nivel académico que, en moitas ocasións, "teñen dificultades para entrar noutro tipo de lugares" para ampliar a súa formación. Son o perfil máis habitual de demandantes dos servizos sociais municipais e, polo tanto, aos que van dirixidos boa parte das actividades da Casa Azul.
Carmen Fouces insistiu na dificultade de conseguir homologacións deste tipo e en que, cando se conseguiu a certificación oficial para estes cursos, é "moi díficil que cha quiten". A partir de agora, "probablemente asinaremos convenios con determinadas entidades que poidan impartir os cursos".
A concelleira visitou a nova cociña acompañada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e destacou que "é un recurso que había tempo que se necesitaba aquí no Concello para poder impartir cursos". Trátase dunha oferta formativa que tivo moi boa acollida e na que "a lista de espera é impresionante". Para 20 prazas houbo 100 inscritos.
Un deses matriculados é Alejandro, un administrativo no paro de 45 anos que se apuntou "para ver si aprendo algo" e porque está a aproveitar a súa etapa de inactividade para ampliar a súa formación e abrir o seu abano de posibilidades laborais. Destaca que entre os asistentes ao curso hai "un grupo muy heterogéneo" con practicamente o mesmo número de homes e mulleres e a "oportunidad" de poder acceder a este tipo de accións.