A carencia de espazo para escolares obriga ao colexio Froebel a pedir a devolución da sede do Arquivo Municipal

Pontevedra
12 de xuño 2020

O Consello escolar do CEIP Plurilingüe Froebel trasladou esta demanda ao Concello de Pontevedra, propietario das instalacións, pero aínda non recibiu resposta. A petición realízase nos últimos anos ante a falta de aulas para os escolares pero agora urxe polas medidas de distanciamento que se establecen para o vindeiro curso

Arquivo municipal situado nos baixos do Colexio Froebel
Arquivo municipal situado nos baixos do Colexio Froebel / PontevedraViva

O próximo curso lectivo virá marcado polas directrices sanitarias e será necesario que se manteña o distanciamento nas aulas dos centros escolares. Ante esta situación, o problema de falta de espazo que durante os últimos anos sofre o Colexio Plurilingüe Froebel de Pontevedra agrávase.

Por este motivo, o Consello escolar do CEIP Froebel acordaba por unanimidade o xoves 28 de maio presentar un escrito nas dependencias do Concello de Pontevedra solicitando a recuperación das instalacións municipais que estaban sendo ocupadas polo Arquivo Municipal, que se atopa situado nos baixos do edificio que ocupa o centro escolar na rúa Xeral Martitegui

A petición xa leva realizándose ao goberno local durante os últimos anos, segundo indican responsables do colexio, debido á carencia de espazo neste edificio para albergar aulas para o numeroso alumnado que demanda realizar os seus estudos neste centro público

A intención que transmite o Consello escolar ao Concello é desocupar espazos do centro para rehabilitalos como aulas para un número de estudantes menor do habitual ao estar obrigados a manter a distancia entre as mesas. E converter os baixos, que ocupa o Arquivo Municipal, en zona para almacenar material ou establecer despachos pequenos ou titorías.

No escrito presentado solicitan tamén outros espazos próximos ao edificio que pertenzan ao Concello e que poidan ser cedidos para o uso escolar. A situación, segundo explican fontes do CEIP Froebel urxe para planificar de maneira adecuada o inicio do curso 2020-21, un curso académico que resultará especialmente difícil debido á necesidade de adaptar as instalacións aos protocolos sanitarios. Polo momento, segundo indican desde o centro, o Concello non respondeu á demanda.