A carballeira e o xardín botánico de Caldas de Reis logran a Q de Calidade

Umia
07 de novembro 2023

A vila termal renova deste xeito un recoñecemento que xa conseguira no ano 2020 e que distingue a estes lugares como "espazos públicos singulares"

Carballeira de Caldas
Carballeira de Caldas / Concello de Caldas de Reis

O Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) acaba de outorgar a Q de Calidade á carballeira e o xardín botánico de Caldas de Reis, dentro da categoría de "espazos públicos singulares". A vila termal renova deste xeito un recoñecemento que xa conseguira no ano 2020.

En Galicia, só dous espazos máis foron distinguidos coa Q de Calidade nesta convocatoria: a Aldea Grobbit do Grove e a rede de miradoiros de Ribas de Sil.

A distinción avalía a calidade, o sistema de xestión ou o equipamento e servizos que se prestan nos espazos verdes, facendo fincapé na adecuación dos servizos ás expectativas e necesidades das persoas visitantes, así como na mellora continua do espazo público singular visto como un todo.

Neste sentido, o tenente de alcalde Manuel Fariña sinalou que o Concello de Caldas traballa na restauración e acondicionamento do xardín botánico e a carballeira cun novo proxecto de actuación cun investimento total valorado en 760.000 euros, para o que xa se solicitou unha subvención ao Goberno central con cargo ao 2% cultural.

Fariña destacou que a carballeira de Caldas é a única de Galicia declarada Ben de Interese Cultural, con exemplares recoñecidos no Catálogo Galego de Arborado Singular, o que obriga a un tratamento especial e ao cumprimento de condicionantes específicos na xestión. 

O proxecto de reforma da carballeira e o parque intentará recuperar a esencia deste espazo tan singular. No xardín botánico renovarase o arborado, introduciranse novas especies e mellorarase o solo. Mentres que na carballeira retiraranse exemplares mortos e reporanse. Tamén haberá actuacións de mellora de pavimentos, equipamento, e mobiliario, así como tamén das instalacións (bocas da auga, puntos de luz...), entre outras, instalando cartelería explicativa con información relevante.