A caravana morada escenifica en Caldas o rexeitamento comunitario á violencia machista

Umia
28 de setembro 2020

Esta campaña itinerante polos concellos do Salnés e da comarca do Ulla-Umia ten como obxectivo concienciar sobre a loita contra esta secuela e atender a todas aquelas persoas que se acheguen ao lugar

A caravana morada inicia en Caldas o seu periplo polo Ulla-Umia e Salnés para informar sobre a violencia machista
A caravana morada inicia en Caldas o seu periplo polo Ulla-Umia e Salnés para informar sobre a violencia machista / Concello de Caldas

A rúa Real de Caldas recibiu este luns a visita da caravana morada, un proxecto impulsado polo Grupo de Desenvolvemento Rural que ten como obxectivo informar, asesorar e visibilizar sobre o rexeitamento comunitario ao acoso e ás agresións machistas nun roteiro que a levará polos municipios da comarca do Salnés e do Ulla-Umia.

O posto permaneceu nesta céntrica rúa da vila atendida por profesionais en psicoloxía contra a violencia de xénero e técnicos en criminología e igualdade que trataron de achegar esta problemática a toda a sociedade. Ata o lugar achegáronse a xerente do GDR, Arancha Pérez; o tenente de alcalde, Manuel González; a concelleira de Igualdade, Inés Fuentes; o concelleiro Jacobo Pérez e o alcalde Juan Manuel Rey.

Ademais de informar e visibilizar este mal, na caravana tamén prestan atención persoal ás mulleres que así o solicitan. "É unha experiencia moi positiva que permite entrar en contacto directo con moitas persoas que despois profundan as consultas por teléfono co persoal posto a disposición polo GDR", explicou Pérez. 

Co estalido da pandemia e a declaración do estado de alarma, o número de agresións deste tipo incrementáronse e as chamadas ao 016 creceron en máis dun 40 %. Por iso, o carácter itinerante desta campaña supón unha gran vantaxe para tratar de axudar ás mulleres do rural, que padecen o 80 % dos casos e que moitas veces non son denunciados.