A cara que non se ve da Feira Franca: así se prepara a escenografía que ambienta a cidade

Pontevedra
18 de agosto 2023

O alcalde e o edil de Festas visitaron o recinto feiral para coñecer os traballos de restauración e mantemento que se están levando a cabo dos elementos que compoñen a escenografía, dos que se encarga a empresa Paspallás. Os traballos están xa moi avanzados e esta semana deberían quedar finalizados

Traballos de preparación e mantemento dos elementos decorativos da Feira Franca
Traballos de preparación e mantemento dos elementos decorativos da Feira Franca / Concello de Pontevedra

Pontevedra xa conta os días para celebrar unha das súas festas máis multitudinarias e queridas, a Feira Franca, que este ano o Concello promete que será "a máis grande de todos os tempos". 

Para facela realidade, hai un traballo que non se ve e que alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, quixo destacar este xoves, a preparación dos elementos decorativos que ambientan a cidade. 

Lores e o edil de Festas, Demetrio Gómez, visitaron o recinto feiral para coñecer os traballos de restauración e mantemento que se están levando a cabo dos elementos que compoñen a escenografía, dos que se encarga a empresa Paspallás

A empresa está estes días inmersa en tarefas para crear elementos novos ou devolverlle a vitalidade aos anteriores, froito do desgaste. Trátase, en palabras de Lores, dun "traballo que non se ve, pero que en realidade é moitísimo traballo".

Lores explicou que todos os anos hai que facer labores de mantemento, o que inclúe repintar, montar e recuperar toda a decoración que se instala na zona monumental e na Alameda "para que a xente viva o máis parecido a unha festa dos tempos do medievo".

Estes traballos van desde o pintado de novas lonas  á creación de pedras ou a restauración dos enormes dragóns que tantas fotos provocan durante os dous días que dura a Feira Franca. 

Tal e como informou o Concello, os traballos están xa moi avanzados e esta semana deberían quedar finalizados. Logo será a quenda da súa instalación, xa despois das Festas da Peregrina. 

Arquivado en