A capacidade mental do 'rei das orquestras' condiciona todos os procesos xudiciais abertos contra el

Pontevedra
25 de xuño 2020

O xuízo por suposto fraude fiscal contra Ángel M.P. 'Lito', coñecido como o 'rei das orquestras', foi suspendido outra vez a Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra debido a novos informes que detectan un empeoramento do seu estado psiquiátrico e neurolóxico  

Ángel M.P "Lito" entrando na Audiencia de Pontevedra
Ángel M.P "Lito" entrando na Audiencia de Pontevedra / POOL / Salvador de Sas

O xuízo por suposto fraude fiscal contra Ángel M. P. 'Lito', coñecido como o 'rei das orquestras', foi suspendido outra vez a Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra debido a novos informes que detectan un empeoramento do seu estado psiquiátrico e neurolóxico.

O tribunal provincial ordenou que o próximo día 8 de xullo sexa o Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) quen examine a capacidade 'Lito' para prestar declaración na repetición do xuízo contra el que se aprazou ata o 15 de xullo.

Este xoves o avogado de 'Lito', Carlos Seoane pediu a suspensión do xuízo en base á incapacidade do seu cliente que ten diagnosticada unha patoloxía neurolóxica dexenerativa.

Segundo explicou este letrado, o acusado presenta un "trastorno ansioso depresivo" que lle provoca unha "desconexión del entorno" dentro dun "proceso degenerativo". Ademais achegou unha proba neurolóxica, concretamente un SPECT cerebral realizado este mes, unha "prueba muy precisa" que describiu como "una radiografía del cerebro" na que se confirma un "agravamiento en su evolución negativa".

Entre outras consecuencias este avogado dixo que 'Lito' é "una persona dependiente en su vida diaria" cun "severo déficit cognitivo y emocional". Neste diagnóstico tamén coinciden dous informes forenses do Imelga. 

O avogado argumentou que estes problemas na saúde mental do acusado afectan o seu dereito á autodefensa e "no garantizan un juicio justo". A avogada que representa os intereses da empresa Representaciones Lito S.L. adheriuse a esta tese.

Ademais o avogado Carlos Seoane revelou ao tribunal que está en marcha un proceso no xulgado para declarar a incapacidade civil de Ángel M. P.

Con todo, o fiscal, Augusto Santaló, opúxose a esta tese ao entender que si pode comparecer nun plenario nestes momentos e, citando o contido duns dos informes forenses, advertiu ao tribunal que "este rol de dependencia pode ser utilizado como un mecanismo de defensa". Nos mesmos termos expresouse o Avogado do Estado.

Despois de estudar os argumentos de todas as partes o presidente do Tribunal, Xosé Xoán Barreiro, decidiu pedir novas probas forenses.

INCAPACIDADE

En declaracións aos xornalistas o fiscal Santaló sinalou que a declaración da incapacidade de Ángel M. P. afectaría a todos os procesos xudiciais que están abertos contra el "si no puede ser juzgado esto se va a trasladar a todos los procesos", dixo. 

"Yo creo que a efectos de entender lo que estamos haciendo aquí y poder contestar está en condiciones", insistiu Augusto Santaló.

ACUSACIÓN

O 'rei das orquestras' xa fora condenado por numerosos delitos fiscais a 12 anos de prisión, pero recorreu a sentenza e o Tribunal Supremo ordenou repetir o xuízo, alegando motivos de indefensión, debido a que non se respectaron os dereitos procesuais de Representacións Lito S.L., coacusada na causa.

A Fiscalía solicita penas que suman 14 anos de prisión e 21,6 millóns de euros para Ángel M. P., como presunto autor de varios delitos contra a Facenda Pública relativos á tributación do imposto de sociedades, outros dous delitos relacionados coa tributación do IVE e dous delitos máis pola tributación do IRPF, todo iso relativo aos exercicios de 2011 e 2012.

A vista xa se suspendeu en tres ocasiones anteriores tamén motivos de saúde do acusado.