A candidatura do PSOE recibe formación en materia de sexismo, igualdade e diversidade de xénero

Pontevedra
22 de abril 2019

A activista LGTBI, Ada Otero, a primeira muller trans en presentarse a unhas eleccións municipais en Galicia, imparte un obradoiro entre os membros da lista

Obradoiro de igualdade impartido por Ada Otero
Obradoiro de igualdade impartido por Ada Otero / PSOE de Pontevedra

A candidatura do PSOE na provincia de Pontevedra recibiu formación en materia de sexismo, igualdade e diversidade de xénero. "O obxectivo deste obradoiro é que os membros da candidatura analicen e se conciencien sobre a situación sexista que mantén a nosa sociedade en toda a súa estrutura, de xeito que poidan acadar ferramentas para paliala, a través de cambios na linguaxe que empregan e en moitas das actitudes machistas que todos temos interiorizadas".

Esta é a premisa fundamental da charla que a activista LGTBI Ada Otero pronunciou entre os membros da candidatura da agrupación municipal do PSOE ás eleccións do 26 de maio, na que ela mesma concorre como número 6.

Otero, primeira muller trans en formar parte dunha lista electoral en Galicia, iniciou o obradoiro "establecendo o significado de ser muller e de ser home na nosa sociedade", para continuar "desenvolvendo varias dinámicas nas que, entre todos os participantes, iremos deconstruíndo todo aquelo que conforma o xénero".

"Poderemos darnos conta de que se trata simplemente dunha creación social, dun artificio, e de que, a pesares desta circunstancia, ten unha inmensa influenza -sinala- en todas e cada unha das nosas relacións: románticas, laborais, políticas... ".

A candidata da lista que encabeza Tino Fernández, que xogou un papel moi importante na redacción do programa do PSOE local en materia de igualdade, tamén analizou "as diferentes formas e expresións que ten o sexismo de perpetuarse", mesmo con nomes específicos, como "o teito de cristal, o 'mansplaining', a obxectivización da muller, a sexualización da feminidade, o control dos corpos mediante cánones estéticos, a cultura da violación, a misoxinia ou a consideración do feminino como algo inferior".

Tal e como precisa Ada Otero, "temos que ser capaces de identificar estas situacións e ser conscientes de que non son algo casual, senón unha dinámica constante desta sociedade". "Unha vez identificadas as diversas problemáticas -subliña-, plantexamos as solucións e aquelas accións que podemos levar a cabo para diminuír este tipo de situacións e menguar o impacto que o machismo exerce en todas e todos nós".

Na súa opinión, "a simple toma de conciencia sobre as expresións de machismo que podemos sofrer ou protagonizar é xa un gran paso que nos abre a porta, non só a poder corrixilas, senón a identificalas e sinalalas alí onde vaiamos". Por este motivo, considera que este tipo de obradoiros "deberían ser unha asignatura indispensable no seo de todas as formacións políticas".

Arquivado en