A canceira de Poio xestionou máis de 80 adopcións durante o pasado ano

Poio
30 de xaneiro 2023

O concelleiro de Medio Ambiente e a responsable de Seguridade Cidadá, Xosé Luís Martínez e Marga Caldas, analizaron a actividade do servizo con responsables da Asociación Amigos da Canceira, de quen salientan o seu compromiso e traballo

Reunión do Concello de Poio con responsables da Asociación Amigos da Canceira
Reunión do Concello de Poio con responsables da Asociación Amigos da Canceira / Concello de Poio

O concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Luís Martínez, e a responsable de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, mantiveron unha reunión con representantes da Asociación Amigos da Canceira, para facer unha análise da labor desenvolta na canceira municipal ao longo do ano 2022.

Esta asociación ten có Concello de Poio un convenio de colaboración para a xestión da Canceira Municipal. O Concello encárgase da recollida dos cans abandonados ou perdidos e do mantenemiento das necesidades básicas da Canceira. 

Martínez Blanco aproveitou a ocasión para poñer en valor e agradecer o "impresionante traballo e compromiso co que sempre contamos por parte dos voluntarios e voluntarias que forman parte deste colectivo", facendo especial fincapé nas iniciativas e labores que impulsan á hora de tratar de fomentar a adopción e coidado de animais abandonados.

Segundo o informe elaborado pola asociación, a canceira conta a día de hoxe con algo máis de 30 animais, entre cans e gatos.

Un dato a destacar por parte do titular do departamento de Medio Ambiente é o "elevado número de adopcións que se levaron a cabo durante o pasado exercicio", acadando as 82. "É unha cantidade importante, que tamén fala da concienciación da sociedade á hora de implicarse na adopción de animais", sinala o concelleiro do Goberno municipal. 

Xosé Luís Martínez recorda que o Concello de Poio foi unha das Administracións locais pioneiras na provincia á hora de apostar por contar cunha canceira de titularidade municipal. Foi hai case 25 anos cando este servizo se puxo en marcha por primeira vez. 

Durante a reunión tamén se fixo un repaso das actividades e iniciativas nas que se implicou de xeito activo a Asociación Amigos da Canceira, como foron a participación en mercadillos solidarios ou as visitas realizadas a ludotecas, centros educativos ou a centros de maiores. Xosé Luís Martínez recalcou que este tipo de propostas "xogan un papel moi importante á hora de fomentar as adopcións, ao tempo que tamén se traballa na concienciación para loitar contra o abandono de animais". 

As responsables do colectivo lembran que a veciñanza ten a posibilidade de tomar parte nas saídas polo monte que se levan a cabo todas as semanas, de luns a sábados, en horario de mañá.

A canceira municipal conta desde principios do ano 2020 cunha persoa contratada a xornada completa, que se encarga de realizar traballos de posta a punto, mantemento e limpeza das instalacións, que se atopan na parroquia de Combarro. Ademais, na reunión tamén se abordaron as melloras que se levaron a cabo nas dependencias e para reforzar o servizo.