A canceira de Poio, operativa no estado de alarma pero cun novo sistema de adopción

Poio
28 de marzo 2020

Aínda que desde a concellería de Medio Ambiente detectaron unha redución de casos de abandono no que vai de mes, ven necesario que se manteña operativo o sistema de adopcións seguindo uns protocolos previos para así cumprir coas medidas sanitarias marcadas

Vista aérea da canceira de Poio
Vista aérea da canceira de Poio

A canceira de Poio decidiu manter a súa actividade durante o estado de alarma imposto polo Goberno pero con modificacións nos sistemas de adopción.

Aínda que desde a concellería de Medio Ambiente detectaron unha redución de casos de abandono no que vai de mes, ven necesario que se manteña operativo o sistema de adopcións seguindo uns protocolos previos para así cumprir coas medidas marcadas para evitar a propagación do COVID-19. 

É por iso, que a día de hoxe, tal e como explica o concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Luís Martínez, están suspendidas as entrevistas persoais previas que os membros da Asociación Fogarcan adoitaban a facer ás persoas interesadas en adoptar. "Están a solicitarse referencias e informes. O proceso é un pouco diferente, pero seguimos sendo moi rigorosos. Do que se trata é de garantir que os cans acaban en familias correctas".

Nas dependencias situadas na parroquia de Combarro, hai actualmente aproximadamente medio centenar de cans, e aínda que as adopcións seguen vixentes, o que se suspendeu foron as saídas de voluntarios que se realizaban cada fin de semana para pasear aos animais que están na canceira e que "se retomasen cando se levante o estado de alarma", explicou Martínez.

O Concello de Poio é un dos poucos da provincia de Pontevedra que dispón da canceira municipal e, tal e como se acordou no principio do ano, o operario municipal que foi contratado está a traballar na posta a punto e de limpeza das instalacións acudindo tres veces por semana. 

Así mesmo, a Asociación Fogarcan está pendente do coidado dos animais, "tomando medidas de prevención, mantemento da distancia mínima entre persoas e hixiene que recomendan as autoridades sanitarias", indicou.