A campaña de control de gaivotas elimina 90 niños e recolle 220 ovos

Pontevedra
11 de xuño 2015

O concelleiro de Sanidade Animal de Pontevedra, Miguel Filgueira, fixo balance este xoves dalgúns dos traballos realizados na súa concellaría nos últimos catro anos

Gaivota
Gaivota

A empresa Larus Control viuse desbordada polo aluvión de peticións para retirar niños de gaivotas dos tellados dos edificios do centro de Pontevedra. Esta semana levaban cubertas 55 visitas nas que se inspeccionaron un centenar de tellados, nos que se eliminaron 90 niños, recolléndose 220 ovos.

A campaña contra a proliferación de gaivotas manterase durante todo o verán e estímase que se poida triplicar esta cifra, se ben, a partir de agora irán retirándose os polos que foron nacendo, para proceder á súa solta noutro lugar.

En canto á limitación das colonias de pombas, este fin de semana actuarase en dous inmobles abandonados no ámbito da Praza da Ferrería de onde proceden a maior parte dos exemplares da zona centro. Os propietarios destes edificios autorizaron o acceso aos técnicos e que se proceda a tapiar algunhas ventás rotas, para que estes animais non volvan entrar.

Ademais se acturán nunha das torres do Instituto Valle Inclán onde aniñan as pombas do ámbito da Praza de España.

O concelleiro de Sanidade Animal de Pontevedra, Miguel Filgueira, fixo balance este xoves dalgúns dos traballos realizados na súa concellaría nos últimos catro anos.

GATOS

As pragas de gaivotas e pombas causan importantes prexuízos a veciños e hostaleiros, pero as queixas tamén se estenden á presenza incontrolada doutros animais como os gatos. Coa terceira fase da campaña posta en marcha polo Concello castráronse ou esterilizaronse un total de 180 animais, unha media de 80 cada ano. Durante este ano levan 53 gatos, 35 femias e 20 machos.

Nestas tarefas a concellaría de Sanidade Animal conta coa colaboración da asociación Difusión Felina.

Durante estes anos puidéronse controlar catro zonas problemáticas como son a zona do Hospital Provincial, Arcebispo Malvar, Estación de Autobuses e Gorgullón. E están "practicamente " controladas as colonias da Avenida de Vigo, o Burgo, Médico Ballina, a Horta do Cura ou o Náutico. Segue sen control a colonia da praza da Pedreira.

O concelleiro Miguel Filgueira constatou un descenso do número de queixas dos veciños de Pontevedra, e sinalou que o éxito deste tipo de iniciativas tamén radica en que as campañas se manteñan no tempo. O ideal é un servizo prolongado permita un control detallado da poboación.

CHIPEADO

Miguel Filgueira sinalou con orgullo a construción da nova canceira como o maior logro da súa etapa como concelleiro. "Queda un refuxio de cans, digno e ben organizado", declarou. Ademais comentou os avances rexistrados na concienciación da cidadanía en canto ao abandono de animais e o chipeado dos cans.

Segundo as cifras facilitadas polo Colexio de Veterinarios, na cidade de Pontevedra puxéronse no ano 2011 un total 965 chips a outras tantas mascotas, en 2013 foron 1.262 chips e en 2014 un total de 1.401. Unhas cifras, que segundo Luis Núñez, presidente deste colexio profesional "avalan a xestión levada a cabo por Miguel Filgueira á fronte desta concellaría".